Opinión

'Dorna'

Creo que a palabra que mellor define o estado de ánimo en que a moitas persoas nos deixou o que acaba de acontecer na revista Dorna é anoxadas.

Primeiro foi a lexítima reacción de cabreo ante a inxustiza dos feitos que nos relataban ás persoas que colaboramos coa revista o correo do seu consello de redacción. Canta indignidade.

Loxicamente, a seguinte reacción, polo menos a miña, foi a de lle agradecer o traballo de visibilización da creación en lingua galega e da traducida ao galego sen límites de idade ou procedencia. Vexan senón os últimos números da revista, excelentes, coidados, arte da arte. E xunto co agradecemento a expresión da miña solidariedade polo acontecido e a forma en que se fixo. Porque non me dou imaxinado a situación. Como sería? En calquera caso violenta, mesmo que incluíse o convite a continuar. E como non, sería aínda máis violento prescindir de dous poetas que, entre outros, contan cun galardón tan reputado como o premio nacional Miguel Hernández, que para nós significa que a poesía de noso hala a súa calidade por riba das outras linguas do Estado. E que orgullosas non sentimos.

Porque é violento dicirlle a quen pasou os últimos anos facendo o traballo que non son ninguén e que, de costas a eles, se perpetrou toda unha operación que, realmente, nin é cultural, nin literaria, senón puramente política. Outra táctica para avanzar na estratexia do PP de se manter no poder.

Porque, non perdamos a perspectiva, estamos diante dunha operación política de calado. O PP acomete un lavado de cara cultural, despois de analizar un hipotético escenario adverso nas futuras eleccións. Diríxese aos sectores máis comprometidos coa cultura e máis novos, onde se sabe máis feble. Por iso coloca este rapaz á fronte das "políticas culturais" do partido. Mentres, vaille facendo o currículo, coa inestimábel colaboración dos medios de comunicación afíns.

Non hai sorpresa. É o habitual. Branquear. Manterse no poder. Perpetuarse nos seu verdadeiros obxectivos.

Comentarios