Opinión

Días sen elas

Ao finalizar a manifestación do 8-M en Vigo, desde o palco expresouse a solidariedade coa familia de Déborah Fernández. O caso de Déborah é un síntoma claro da estafa que representa un sistema que di que nos protexe, mais se revela ineficaz a través das eivas do proceso. Un sistema que mantén deste e doutros xeitos a súa alianza co patriarcado.

Aínda lembro a data en que apareceu o seu cadáver no Rosal. Desde entón, ese fragmento de costa converteuse para min nun lugar desagradábel que me fai nacer sentimentos escuros, unha mestura de terror e tristeza que non sei definir.

A lembranza de Déborah, como a de Sonia Iglesias, ou de María Xosé Arcos, das que nin sequera existen os corpos, son feridas abertas que seguen a nos desangrar (por certo que o día 9 de marzo é o das persoas desaparecidas sen causa aparente).
Unha sente que forma parte dunha serie de ficción alucinante que se vai estendendo en tempadas infinitas sen chegar á conclusión necesaria. Porque a realidade sempre supera a ficción, ese terreo necesario en que tentamos cauterizar a ferida poñendo palabras nas sombras, dando luz ao que segue oculto.

Por iso queremos textos coma Oito días sen Eva Cortés, de Sara Vila Alonso, premio de narrativa Illa Nova 2021. Nesta novela, a través da xornalista que cobre o caso asistimos á confirmación das causas e os contextos en que se producen os feminicidios: a muller como obxecto, o home como posesor dominante, a proximidade familiar e emocional do agresor, a conversión dos lugares en que queremos refuxiarnos en espazo de tortura... Mais, sobre todo, é un relato para compartirmos as reflexións da personaxe protagonista, Antía Ubeira, que fai unha crítica necesaria contra a revictimización á que somos sometidas nalgúns medios de comunicación ou contra a prevalencia dos prexuízos contra as persoas investigadas. Un relato que nos interpela e nos fai pensar en que a forma de tratar a información, a nivel público e privado, acaba por se converter nunha nova agresión.

Comentarios