Opinión

Diana e Mikhail

Nos titulares dos xornais competiron no derradeiro día de agosto dúas novas que, dalgunha maneira, marcaron o final do século XX. A primeira foi o falecemento de Gorbachov o día 30 e a segunda o 25 cabodano da morte de Diana de Gales. Se o pensamos ben, os dous persoeiros representan o punto final do que foi a evolución ideolóxica do século, que se inaugurou co alzamento da voz dos desfavorecidos, especialmente na segunda década. Se hai un elemento que simboliza eses movementos de loita é a fouce. A mesma que erguía na súa man a segadora que campaba na portada de A Nosa Terra, a mesma que invocaba Cabanillas nos seus poemas, a mesma que ficou na bandeira da Union Soviética. Era a fouce que percorría Europa. Símbolo de xentes labregas oprimidas que loitaban pola redención dos foros ou a fin do feudalismo. Coido que mesmo podemos relacionar con esta simboloxía a adopción de Els Segadors como himno catalán nos finais do século XIX.

Mais o século que se alzaba derrocando reis, fechou chorando a morte dunha princesa, que como outras serviu para dulcificar e aproximar as obsoletas monarquías que, incribelmente, seguen vendo recoñecidos os seus dereitos por motivo de nacemento. Sempre princesas, útiles ao sistema coa súa beleza, o seu saber estar e a súa colaboración cos máis desfavorecidos debidamente cuberta pola prensa.

No ano en que falecía Diana, Gorbachov aparecía nun anuncio de Pizza Hut que non deixa de ter a súa miga. O derradeiro presidente da URSS entra nun local da franquía americana e dous homes debaten: “Por causa del temos inestabilidade política!” di o máis vello, “Grazas a el temos unha oportunidade” di o máis novo, mais a avoa pon o punto final: “por el temos moitas cousas como Pizza Hut”. As necrolóxicas falan xustamente de que o home que recibiu o premio Nóbel da Paz por ter contribuído ao final da Guerra Fría esperta sentimentos antagónicos. Aínda que talvez todos esteamos de acordo en algo. Agora todos tragamos coa mesma pizza americana.

Comentarios