Opinión

Desigualdade humana

Como se entrásemos nunha sala chea de espellos, vémonos reflectidos nas imaxes e nas mensaxes que nos achegan os medios. Unhas veces son as dunha nova nun telexornal. Outras, a intervención dunha avogada negra ante o Tribunal Supremo dos EUA, cun elocuente discurso en que remata preguntando ao xurado: “É este o país en que queren vivir? Un lugar en que o diñeiro prima sobre a humanidade? Vamos garantir de vez os dereitos de todos os nosos cidadáns.”

Non sei se poderei esquecer ese discurso, nin a face de Viola Davis, a actriz protagonista de How to Get Away with Murder, mentres o pronuncia.

Sei que a serie é un produto de entretemento. E iso busco nela. Mais até neses casos, a mensaxe pode filtrarse como a auga até as nosas mentes, e guión e dirección son entón chaves esenciais. Porque o entretemento non é incompatíbel cun texto que mesmo reflicte o momento actual de violencia e desigualdade social do que nos informan os telexornais: “O racismo está no ADN dos Estados Unidos”. E as imaxes ratifican a mensaxe. Esas palabras foron escritas hai máis de cinco anos por dúas mulleres, unha delas filla de pais nixerianos, Morenike Balogun, para un capítulo dirixido por Zetna Fuentes, que xa antes recibira o premio de Latina Innovadora nas Artes da Revista Catalina e a Asociación Nacional de Líderes Latinas (NALL).

As casualidades non existen. Si o compromiso das persoas por cambiar esta sociedade que outros deseñaron para nos invisibilizar e destruír. Catro mulleres construíndo un discurso que desde a ficción apela ás nosas conciencias, un discurso que segue vixente, como todas e cada unha das reivindicacións das que seguimos na base da pirámide opresora sobre a que se senta ese gordo de chistera que non para de fumar.

Mais que ninguén pense que non estamos nós mesmas diante do espello, porque é dos dereitos humanos do que estamos a falar. Dun papel que, ás veces, é o único lugar para os dereitos polos que aínda temos que loitar. Tamén unha maioría. Nós, as mulleres.

Comentarios