Opinión

Confi

Así é como nós o chamamos. Nós, o grupo humano que somos a CEMMA, socias anónimas e científicos mediáticos que cumprimos xa trinta anos traballando en prol dos mamíferos mariños e o medio que habitan.

E si, aos animais aos que hai que prestar unha atención especial pónselles nome. É unha forma de  procurar a sensibilización da especie humana coas súas conxéneres planetarias. Na elección do nome tentan afastarse de nomes de persoa, e empregan os topónimos dos lugares en que foron localizados, o nome do barco que os achegou á costa ou, neste caso, a referencia á época en que se constatou a súa presenza. Confi de confinamento.

Si. Mais podería ser Confi de confianza, a que estes exemplares solitarios nos demostran e depositan en nós cando, repudiados polos seus iguais, se acubillan nas augas tranquilas dun porto ou unha praia. Confianza nunha especie humana que, os animais non saben, xa ten demostrado que o seu salvaxismo é a violencia exercida sen límites, pois erixírona a si mesma en dona do planeta.

Este arroaz recibiu outros nomes, varios, aínda que un deles, provisto do correspondente diminutivo “iño”, de riquiño, parece que tivo un certo éxito entre os medios de comunicación que axudaron a difundilo. Seguro que tamén entre os turistas que seica se achegaron a certos lugares da Ría de Muros e Noia que antes nunca visitaran, talvez porque lles soaría máis galego. En todo caso, esoutro nome, Manoliño, convertía o rebuldeiro, curioso e inexperto arroaz, no colega de saídas e de xogos que nunca debeu ser.

Confi, como Gaspar ou como Enol, comezou xerando simpatía e, daquela, nós, a especie humana, foi a que cruzou a liña que nos separa. Por esa porta aberta el se achegou a nós e, pequeno que medraba confiado, quixo imitarnos, e aí comezaron os problemas, as queixas, as denuncias e un día un arpón anónimo(?) tentou eliminar este brincallón do mar.

Quen foi? Fomos nós, e nós temos que restaurar a súa integridade, algo moi difícil agora que perdeu a confianza.

Comentarios