Opinión

Azul Lopo

Sentada na area leo. As páxinas estremécenme. Tanto que lle leo un poema a quen teño ao lado. Contéñome, porque en realidade querería irlle lendo outros versos, outros poemas. Ás veces non sei conterme e ten que me parar. El tamén me conta o que está a ler. Eu anoto ao final do libro a páxina do seu en que recolle información tan valiosa. Así que o ensaio histórico e a poesía rota destes versos encabalgados acaban por mesturarse, case coma o salitre e a area nesta costa venteada do Atlántico portugués.

Releo os versos. Saboreo esa sintaxe cortada de encabalgamentos abruptos e corchetes explicativos que nos prenden ao significado das palabras. A forma préstase ben ás picadas coas que nos alcanza o significado. Sinto que o esforzo do eu poético por reter a memoria danada da nai esperta nel as lembranzas doridas das agresións coas que a vida o acompañou. Gústame este ton confesional, este espirse sen pudor nin reservas ante o papel en branco. É tan, tan necesario.
Tanto que me atinxe. Son capaz de experimentar esa dor.

O meu libro é marabilloso. Porque xa é meu e é único, coa súa imperfección de páxinas ausentes e repetidas. O meu libro deforme en que vou subliñando co gris do grafito versos para non esquecer e berrar: "Sabe máis de min do que eu lembraba".

Sei que o primeiro arpeu foi esa nai que transita o final dos seus días mentres se desprende da realidade. Porque máis alá da experiencia poética está a coincidencia biográfica. Mais superada esta, o libro crece e é tan valente. Tan valente.

Dáme por pensar que haberá outros diarios, por iso ese /1. Mais non reterei ese título porque o Azul (de Azul Monforte) pasa a ser fío que une desde esa portada fermosisimamente sinxela e vai traspasando os diferentes núcleos poéticos que progresan nunha espiral ondulante, en páxinas que nos revelan que a poesía é o xénero que pode fundir en si mesma toda forma de expresión: relato, reflexión e diálogo. Neste azul de Lopo.

[Lectura de Diarios / 1. Azul Monforte de Antón Lopo].

Comentarios