Opinión

Anciás polo clima

En Monfragüe hai un lugar denominado a Fonte do Francés. Nunca me esquecerá. Construíuse en homenaxe a un mozo francés que se lanzou ao Texo para acudirlle a unha rapina que afogaba. Ía atado a unha corda, mais esa seguridade impedíalle acadar a ave, así que pediu que o soltaran. Chegou até a ave, mais afogou. Pensou na axuda. Non na vida.

O relato volveume á cabeza este martes, mentres se deliberaba en Estrasburgo sobre tres denuncias presentadas contra os estados que non toman medidas para tentar frear o cambio climático. A estas alturas xa coñecemos os detalles da sentenza e tomamos nota de por que fracasaron dúas das demandas e como prosperou a terceira, a presentada por “señoras maiores suízas” como dicían na radio.

Esas señoras maiores son Les aînées pour le climat Suisse, unha asociación de mulleres de máis de 64 anos (máis de 3.700 entre asociadas e simpatizantes) que se uniron co obxecto de realizar esta acción para a “protección dos nosos dereitos fundamentais, en particular o noso dereito á vida”, o que consideran que é loitar polos recursos vitais, por todos nós e polos “futuros seres vivos”. Comezaron en 2016 e acaban de escribir na súa web un grande “Gañamos!” baixo unha foto en que estas anciás de cabelo cano sorrín e erguen o puño con decisión. 

Non todas as que iniciaron a demanda poderán celebralo. A segunda querelante faleceu durante o proceso, mais deixou escrita unha declaración en que detallaba o deterioro da súa saúde por mor dos episodios de altas temperaturas que mesmo a obrigaron a comprar roupa especial ou estar hospitalizada. Achegou informes médicos que certificaban esa circunstancia. Este foi un dos piares argumentais: documentar que as mulleres de idade son as vítimas principais do cambio climático.

Esta sentenza apréndenos moitas cousas. Anciás seremos, mais combativas tamén. Manteñamos os nosos compromisos. Mesmo contra un sistema que teima en aumentar a idade de xubilación, talvez para impedir que sexamos útiles á humanidade.

Comentarios