Opinión

Acto político

Leo con atención a carta de Farruco Sesto 'Un acto de política maior', título que recolle as palabras finais do seu texto, coas que define a poesía. É a conclusión que pecha a referencia a 16 edicións do Festival Mundial de Poesía de Venezuela que el e outros poetas puxeran en marcha en 2004. Debeu ser este un dos primeiros traballos acometidos como Viceministro de Cultura e Presidente do Consello Nacional da Cultura de Venezuela. Nacido en Vigo, comeza a súa andaina literaria en galego seis anos despois de chegar a Venezuela e faino co suxestivo título de A estrela e a fouce, un libro ilustrado por seu pai Xosé Sesto e que conta con prólogo de Celso Emilio Ferreiro, tal e como nos explica Yolanda Castaño na 'Introdución' á poesía reunida de Sesto que ela edita en 2010. Podemos preguntarnos, que foi primeiro o poeta ou o político? Posibelmente non poidamos separar unha e outra condición, entre outras cousas porque, como dixo Aristóteles, o ser humano é, por natureza, un animal político. Ou porque todo é política, e esta é unha afirmación de Thomas Mann.

De feito, a política estivo presente no último recital en que participei, 'Teñamos a poesía en paz', na Libraría Paz, en Pontevedra. Non só porque Silvia Penas fixese referencia ao compromiso nun sentido extenso no exercicio do noso traballo literario, senón porque os nosos propios textos eran textos políticos que, por riba das diferenzas, sinalaban á permanencia da nosa identidade. Eduardo Estévez, Xabier Xil Xardón e mais eu limos poemas en que latexaba a reivindicación do lugar, da casa, do espazo que debería pertencernos e en que deberiamos vernos reflectidos. E foi a través de versos que se afastaban na súa forma e proceso creativo, mais que confluían no seu afán de denuncia. E é que a poesía, máis alá dun xénero literario, é unha forma de ver e pensar, unha ferramenta para mover á reflexión e gravar as ideas, xa sexa en forma de poema ou de canción (conxunto de versos para cantar). É un acto político.

Comentarios