Opinión

Un acto de política maior

Nestes días de outubro, está a desenvolverse o XVI Festival Mundial de Poesía de Venezuela.  Aínda que supoño que é unha noticia que, para os medios, está no último nivel de importancia, no persoal paréceme oportuno comentala.

Acórdome perfectamente de cando, en 2004, en Caracas,  xunto cun grupo entrañable de poetas, concibimos ese festival e puxémolo en marcha, sen deternos demasiado a meditalo. Diciamos entón: se toda revolución verdadeira é un gran acto poético por excelencia, poñamos entón a poesía ao mando para que se apodere dos espazos colectivos. De maneira que dicilo e facelo foi unha soa cousa, pois, tal como deixou escrito José Martí, facer é a mellor maneira de dicir.

E aí arrincou o primeiro desta serie de festivais anuais (interrompido entre os anos 2017 e 2019 como unha consecuencia, entre tantas, da guerra brutal contra o meu país e o seu criminal bloqueo por parte de EEUU e os seus dependentes aliados) que hoxe chega a sua XVI edición.

Naquel primeiro momento, en 2004, visitáronnos compañeiros poetas de Cuba, Colombia, Brasil, Francia, España, Líbano, Sahara Central, Exipto, Nicaragua, Portugal, Australia, Sudáfrica, EEUU, Iraq, e China. Como se ve, estaban representados os cinco continentes.

Desde Galicia fíxose entón presente noso Xosé Luís Méndez Ferrín. (Co tempo, ao longo dos anos, asistirían tamén Yolanda Castaño e Miguel Anxo Fernán Vello, que eu lembre).

Por Venezuela, véñenme agora á memoria os nomes, entre os doutros grandes mestres, nada menos que de Ramón Palomares, Jesús Enrique Guédez, Ana Enriqueta Terán, Edmundo Aray e Luís Camilo Guevara, xa falecidos todos eles, nunha confluencia como a da Galaxia no máis estrelado ceo do mes de abril.

Acórdome aínda con orgullo da extraordinaria recepción do público naquel primeiro ano, que enchía as salas dos teatros, como a do Teresa Carreño, en Caracas, con capacidade para dous mil cincocentos espectadores. Quedando tamén como dato para a historia, ou como anécdota feliz se se quere, que en varios lugares do interior de Venezuela -como Valencia, onde en ocasións a convocatoria se facía para locais de menor capacidade- deuse o caso de ter que repetir sesións, polo público que esperaba fóra e se negaba a irse. 

Hai un fermoso documental do gran director venezolano Carlos Azpúrua que recolle algúns aspectos daquel primeiro festival e que é, en si mesmo, ao meu xuízo, unha peza maxistral, relucente, conmovedora. Recoméndollo a quen poida conseguilo. Talvez navegando por aí poida atoparse. Quen sabe.

Agora, como digo, xa renacido e reflorecido a partir de 2020, acabamos de alcanzar a XVI edición, que se celebra en 135 municipios de todo o país. Non está mal, digo eu, ao saber que esta gran festa da poesía ábrese camiño nunha terceira parte do territorio.

Sinto moito, en verdade, non poder estar alí presente, acompañando a nosa querida Ana María Oviedo, homenaxeada nesta edición, así como ao resto das poetas e dos poetas, irmáns, que participando nesta gran festa, fan da poesía un acto de política maior.

Comentarios