Opinión

Acordo envelenado

Xa a foto do acordo daría para facer unha análise semiótica do símbolo da garabata, ausente nos sindicalistas e granate no ministro do partido que conserva a palabra "socialista" nas súas siglas. Aí os están de mans dadas, que grande acordo ao que chegaron. Seica é tan importante que mesmo hai outros persoeiros do Goberno, do(s) outro(s) partido(s) da coalición, que reclaman a súa dose de protagonismo e pugnan por exhibir unha medalliña. Porque é tan grande o acordo ao que chegaron que conseguiron, din eles, garantir a cobertura da caixa das pensións e, aínda por riba, que se manteña o período de cómputo de 25 anos para o cálculo da pensión (coma se fose de 25 desde o inicio dos tempos), ou que poidamos facelo nun período de 29 para que poidamos eliminar os dous en que menos cotizamos. Que grande oferta!

A dereita, critica coa boca pequena. Aí tedes ao da patronal que se autocontratou dicindo que que pensión lle vai quedar aos seus fillos o día de mañá (a que a patronal queira?). Mais eu sospeito que cando non hai cámaras, fretan as mans encantados do bo traballo que lles está a facer a socialdemocracia española e os seus aliados de goberno, mesmo os que falan de transformación revolucionaria da sociedade. Tan bo que mesmo nos acaban de chuzar un caramelo envelenado.

Desde que saíu a foto dos tres señores e que un deles até dixese que era un acordo "revolucionario" (si, si) xa non se fala da obrigatoriedade de permanecer en activo até os 67, nin de que as mulleres somos as que cobramos as pensións máis baixas. Parece que os dereitos roubados foron esquecidos. Soamente se fala do bo que é elixir entre 25 ou 29 anos e de que iso e o incremento das cotizacións vai salvar a caixa das pensións, unha táctica planificada para calmar os ánimos e que non saiamos á rúa agora, mentres deixan xa aprobado que dentro de 20 anos o incremento a 27 anos do período de cómputo será efectivo para toda a clase traballadora.

Comentarios