Opinión

Abusos bancarios

Primeiro foron os intereses. Despois a cláusula chan. Agora a comisión de apertura. Durante anos, os bancos practicaron a usura máis desprezábel impoñendo unhas condicións abusivas coas que nos foron furando os petos, a nós, o elo máis feble da cadea.

Por sorte, nun determinado momento comezaron as denuncias e foron aparecendo sentenzas que favorecían as persoas consumidoras.

As persoas abusadas economicamente temos o lexítimo dereito de aspirar a obter o máximo rendemento do que se nos roubou, ao fin e ao cabo, a nosa historia adoita ser a de persoas que nos inicios da nosa vida laboral, sen aforros, hipotecámonos na procura dunhas condicións de vidas dignas e, ás veces, mesmo tiñamos dificultades para chegar a fin de mes. Mais un teito é un teito, e entre alugalo ou hipotecalo, a opción é clara. 

Este é a cara da moeda. Na cruz, está o novo negocio que nace desta necesidade de reclamación. Cada unha ten a súa experiencia. A miña foi escaldante. Porque reclamar e recuperar acaba por converterse noutro negocio, un negocio en que a tallada vai aos equipos que interpoñen as demandas, equipos dos que insospeitadamente recibimos información nos nosos correos electrónicos, mesmo cando nos demos de baixa desa asociación. 

Mais o propio Estado, vía Declaración de Renda, entra no reparto dos lucros. Porque cando unha consegue recuperar, e non sempre na súa totalidade, os cartos quitados e os intereses de demora, Facenda leva a súa parte, que non é o mesmo que recuperar a dedución aplicada no seu día. E se o xulgado recoñece que debe ser o banco o que pague as custas, Facenda volve levar a súa parte, porque nos impón a consideración de ingresos duns gastos que temos por mor da desprotección á que nos vimos expostos. Quero dicir que tivemos que contratar avogados que nos defendesen e tivemos que pór diñeiro do noso peto. Como se pode considerar a recuperación dese gasto un ingreso? A min só se me ocorre unha resposta, coma no casino, a banca ou facenda, sempre gaña.

Comentarios