Opinión

A zorra e o español

Foi un dos episodios do “Dígocho eu” que máis éxito tivo. Todo o mundo falaba da palabriña, na cafetería, no traballo ou nas redes sociais. Até os medios doutros lugares do estado se fixeron eco, asombrados de que a nosa lingua puidese ter palabras idénticas no significante, máis diverxentes no significado.

Zorra foi a alegoría perfecta do estado da lingua. Volveunos colocar ante a realidade de que o español se autoerixe en vara de medir, lingua predominante e privilexiada respecto da que se nos concede a graza de diverxer e sermos unha anécdota.

Mais o caso é que “zorra” é moito máis ca un medio de locomoción apropiado para a neve. Até existe na toponimia. Iso nos descubría J.L. Alonso nas redes sociais, o topónimo Lombo da zorra, un lugar do monte Galiñeiro que tomaría o nome das zorras coas que se transportaban as pedras e que, aquí no Val Miñor, terían forma de padiola feita cun pau gallado (como a letra grega). Nos dicionarios, galego e portugués, atopamos unha definición semellante: carro baixo con catro rodas para obxectos pesados. Con independencia da forma, o uso define a palabra, arrastrar volumes pesados.

En chegando a este punto podería pasar, como tantas veces, que alguén dese en preguntar que foi antes, se a zorra ou a raposa, ou como foi que a xente galega “inventou” tal significado. Pois saiban que aquí ninguén inventou nada, en todo caso evolucionamos o latín, un “sabur(r)a” ou “saburro” que significan lastre e lastrar respectivamente. Daquela? Di o Dicionario da RAE, nada menos, aínda que haxa quen o discute e desminta, que o zorro español sería un préstamo do portugués (en base a considerar que o animal se arrastra, zorra sobre o chan).

Se a RAE o di... O caso é que dá para unha fábula como tantas en que a raposa tenta ser a máis lista. Seguindo coa alegoría do estado da lingua: pobres dos que pensen que o español é o depositario da acepción verdadeira, seica non saben que a palabra vén do galego-portugués.

Ai, se tivésemos autoestima.

Comentarios