mércores 28/10/20

A pobreza no XXI

Esta semana difundíronse os datos da pobreza no Estado español até o ano 2019. A fundación EAPN (European Anti-Poverty Network) presentou un informe que conclúe que o índice da pobreza atinxe xa a cuarta parte da poboación. O que non significa que estas persoas estean desempregadas. Non. Un dos datos máis alarmantes e que se vén denunciando reiteradamente nos últimos anos é o de que unha parte importante das e dos traballadores forman parte desa porcentaxe en risco de pobreza. E o ano que vén haberá que ter en conta o impacto da pandemia. O informe analiza a información do FMI e augura unha contracción económica superior á da crise de 2008.

E con todo, o propio informe recoñece que a forma en que hoxe se están a tratar os datos oculta unha parte da realidade, porque se fai variar respecto da media de ingresos que ten o conxunto da poboación. Curioso. Se os ingresos medios descenden, o sistema calcula que descende o risco da pobreza. E todo isto sen facer referencia ao IPC, ao IPC modificado en que xa non computan todas as necesidades básicas e, aínda así, segue subindo sen parar, deixando os nosos salarios lonxe da capacidade adquisitiva que puidemos ter hai moitos anos. Copio esta frase: “a pobreza real é moito máis alta do que os datos oficiais indican.”

Estamos xeneralizando. Teriamos que especificar que as mulleres son globalmente máis pobres cós homes, e que as familias con maiores carencias son as monoparentais. Hai moitos compartimentos neste pozo negro da pobreza. Como o da mocidade, os seus índices de pobreza superan a media, ou o da infancia, o informe di que os fogares con crianzas e adolescentes teñen taxas de pobreza máis elevadas cás vivendas en que só hai adultos.

Cómpre sinalar que esta situación só se modificará cuns servizos sociais fortes e uns servizos públicos universais e gratuítos. Xusto o contrario do que impón o discurso neoliberal dos gobernos. Por iso, segue sendo urxente o noso compromiso coa loita por unha sociedade máis xusta.

comentarios