martes 02/03/21

A autocensura

Nos últimos anos foron varias as persoas que desenvolven a súa actividade no ámbito cultural que se viron ante os tribunais de xustiza por expresar as súas ideas. Este mércores pasado o músico Pablo Hásel foi detido e encarcerado. Cinco días antes, Carlos Escaño, de Amnistía Internacional, dicía que Hásel podía ser o primeiro rapeiro en entrar na cadea en Europa, e así foi. Nese artigo, Escaño lembra os anos de condenas e multas a quen dixo o que pensaba ou as advertencias do Tribunal europeo dos Dereitos Humanos ao Estado español.

Amnistía Internacional é esa entidade que citamos adoito para evidenciar dunha maneira obxectiva que un goberno se excede na aplicación da lei ou no uso da represión. Todos acoden ás súas cifras e informes para sustentar os seus discursos contra este ou aquel estado. Mais, cando o estado que queda en evidencia é o español, que din os tertulianos? E non falamos dun pronunciamento ocasional nin recente, falamos dunha denuncia que se vén reiterando nos últimos anos. Xa en 2017 podiamos ler este titular ben clarificador de AI: “Leis antiterroristas orwellianas privan de dereitos co pretexto de defendelos”, a seguir analizaba a lexislación que se estaba a adoptar en diferentes países europeos e que “revela a maneira en que o diluvio de leis e reformas aprobadas a unha grande velocidade está minando liberdades fundamentais e desmantelando salvagardas de dereitos humanos que custou moito conseguir.”

O certo é que os numerosos casos de creadores culturais implicados son a punta do iceberg dunha nova situación en que as persoas acabamos por autocensurarnos, xa sexa para evitarnos problemas a nós mesmas ou ás organizacións que representamos. E daquela, o obxectivo desa nova batería lexislativa xa foi acadado. Aprendemos na pel dos que son xulgados, multados, encarcerados. É a política do escarmento. Un procedemento eficaz para o sistema, pois é o propio individuo quen se reprime, cala, desmobiliza e renuncia a reclamar os seus dereitos.

comentarios