Opinión

Vostede non sabe quen son eu

-E i, non salte a fila! Non ve que hai xente diante?

—Vostede-non-sabe-quen-son-eu.

—Non pode inmatricular igrexas, adros, reitorais, propiedades do común así como así.

—Podo, tal. Vostede-non-sabe-quen-son-eu. Aznar deulle á Igrexa o poder de rexistrar todo o que lle petase sen máis probas que a súa palabra.

—Esa rapaza é menor de idade, as relacións sexuais con ela non son acaídas.

—Son acaídas para min. Vostede-non-sabe-quen-son-eu, un príncipe de familia real. As normas non rexen para nós.

—Muíños eólicos en Pena Trevinca? É un espazo singular que debería ficar a salvo deses desmesurados xigantes –diría Don Quixote–.

—Boh! Boh! Vostede-non-sabe-quen-son-eu, unha empresa norueguesa, represento o progreso. A ecoloxía ten que calar cando fala a economía, un pouco mato e rochas peladas non poden impedir os avances.

—Ten que responder ante a xustiza. Desviar os cartos a outros países para non pagar impostos no seu é un delito, tanto máis grave canto vostede era o xefe do Estado.

—Vostede-non-sabe-quen-son-eu. O rei, el-rei, inimputábel, irresponsábel, con patente de corso para empetar comisións, levar maletíns dun país a outro, trabar amizade cos traficantes de armas, dicirlle impertinencias a presidentes doutros países escollidos democraticamente. Está escrito na Constitución, podo facer –ou podía, até antonte– o que me pete. O de pagar impostos é para os coitados.

—Ei, ei! Que é iso de verter xurro nos encoros da Limia? A contaminación das augas galegas por nitratos multiplicouse por catro nos últimos anos, as emisións das macrogranxas galegas contribúen ao quecemento global. Ten que respectar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que anulou a licenza, dada pola Xunta, de ampliación, a 47.970 polos, dunha granxa en Rairiz de Veiga. Necesitamos producir un millón e pico de porcos ao ano?

—Os vertidos son un pequeno prezo a pagar polo desenvolvemento. Vostede-non-sabe-quen-son-eu: un motor económico de Galicia, grazas á gandería a grande escala. Sen min a provincia de Ourense non sería a mesma.

—Escoite, non pode entrar no país sen un certificado de vacinación, nin participar no torneo. Os non vacinados poñen en risco a toda a poboación.

—Entrarei, se me peta. Vostede-non-sabe-quen-son-eu! O número un do tenis mundial, son rico, son famoso e non creo nas vacinas.

—É obrigado cumprir a Carta Europea das Linguas rexionais e minorizadas.

—Que di? Vostede-non-sabe-quen-son-eu.

Comentarios