Opinión

Violacións e vergoña

Na mitoloxía clásica era Zeus, ou algún outro deus como Neptuno, quen forzaba as rapazas. Logo as castigadas eran elas, as violadas, convertidas en cisne, oso, vaca ou algún outro animal. A versión moderna deses milhomes do Olimpo pode ser un futbolista rico e célebre que, séculos despois, segue contemplando as mulleres e os seus corpos como un botín a espoliar.

Unha vez máis cómpre desescribir o relato sobre as violacións. Pois o marco informativo que pretenden impoñernos ten varias dimensións perversas que converten as novas en posverdade, ou simplemente andrómenas. En primeiro lugar confundir agresións sexuais levadas a cabo con agresións denunciadas. Estatísticas: no ano 2021 rexistráronse en Galicia 707 delitos relacionados coa violencia sexual, dise que "aumentaron un 22,6%". Foron denunciadas, segundo EFE, 61 violacións, un aumento do 32% en comparación con 2020. En 2022, en todo o estado até setembro, infórmase que "o número de violacións" foi 1.942, aumentando un 21,45%, porén estas son as violacións denunciadas. Desescribamos: o que aumentan son as denuncias, se aumentan ou non as violacións é difícil de saber con certeza.

Para min a cuestión central é por que hai mulleres violadas que non denuncian. Preguntémonos iso. Talvez porque desde a Biblia e os mitos clásicos a vergoña, a culpa, o castigo, recaen na violada e non no violador. Talvez porque a muller, despois da violación física, é sometida a unha segunda violación social e simbólica. Na antigüidade clásica, no Renacemento, na actualidade. Guy de Maupassant, nun dos seus conmovedores relatos, "Madame Baptiste" narra como Blanche, violada aos once anos por un criado, é menosprezada por toda a vila, tratada como unha apestada até acabar suicidándose. Unha parte dos medios, non todos, e das redes sociais poñen en dúbida a denuncia, a versión da rapaza violada, compadécense do violador: "que necesidade tería de tomala pola forza? Ten tantas mozas como queira", sinalan que destruíu a súa vida, sen piedade pola muller forzada, pola vida trastornada. Por fortuna, debido ao traballo das feministas, a cambios legais, as representacións sociais van mudando: máis mulleres denuncian, máis persoas –mulleres e tamén homes– atribúen a culpa e a vergoña ao violador. Aínda sendo máis difícil vencer a vergoña que levar a cabo fazañas bélicas, cómpre desterrala. A vergoña correspóndelle a Zeus ou aos milhomes modernos que se cren deuses.

Comentarios