mércores 26/01/22

Roupa barata, traballo escravo

Ninguén dá pesos a catro pesetas. Non é preciso un mestrado en economía para calcular que unha camiseta mercada por 4,99 euros ou un pantalón por 7,99, por pouco que custe a tea, é barata porque a traballadora que a coseu –case sempre muller– cobra unha miseria e non ten dereitos. Como de mísero é ese soldo miserable? En que condicións traballaban as 28 [email protected] de Tánxer, a meirande parte mulleres, que morreron queimadas esta semana?

A campaña Roupa Limpa, na que participa Setem, xunto con outras ONG, sindicatos e consumidoras, pretende que as condicións de traballo en todos os países sexan equivalentes ás establecidas pola OIT. En 2012 publicaron un estudo sobre a industria téxtil –Inditex, Mango, Cortefiel– en Marrocos: as mulleres traballaban 65 horas á semana por 178 euros ao mes. Nestes nove anos as cifras deberon mudar, mais non chegan a ser dignas. Ao dar a nova do incendio El País apuntaba que “Marrocos é o principal fornecedor de Inditex”, frase eliminada despois. É coñecido o peso do téxtil na economía marroquí, con case 200.000 postos de traballo, dos que arredor da metade corresponden a obradoiros clandestinos como o de Tánxer. Pagas de miseria e condicións de traballo penosas, neste caso nos sotos dun chalé, sen saídas de emerxencia. Especúlase con que algunhas persoas puideron morrer afogadas, ademais das electrocutadas. Por non falar de horarios ou de rexistros na seguridade social. O accidente desta semana pon o foco en Marrocos, mais a situación é semellante en moitos outros países. Unha parte do camiño para acabar con este traballo escravo debemos percorrelo nós, esixindo as empresas que respecten os dereitos das [email protected] neses países. Certamente non precisamos mercar roupa nova cada poucos meses, excepto para as criaturas que medran. 

Deslocalización: A partir de 1974, no que se fundou Zara e até principios dos 80 creáronse na Costa da Morte, como noutros lugares de Galicia, cooperativas de mulleres ás que a empresa enviaba traballo. Sei de tres, no local do antigo cine de Corcubión, nas Escaselas de Fisterra, e no cruzamento do camiño a Muxía en Berdeogas. As mulleres fixeron pequenas inversións, mercaron máquinas. A paga non era moita, mais sen dúbida o traballo escravo ou semi-escravo noutros países reporta máis beneficios e a empresa deixou de enviarllelo. Debemos esixir que o traballo volva aquí e para iso é necesario que todas as persoas cobren o mesmo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Roupa barata, traballo escravo
comentarios