Opinión

Pragas bíblicas e falacias neoliberais

Nos tempos en que a peste bubónica asolaba Europa a interpretación do andazo pola Igrexa era ser un castigo polos pecados da humanidade. Pretendían solucionalo por medio de pauliñas, encamiñadas a lograr o arrepentimento, e procesións para propiciar Deus e os santos. Poderiamos crer que esas atribucións de responsabilidade aos pecadentos, ás persoas individuais e non a causas estruturais, era cousa do pasado, mais asistimos a unha versión actualizada nas falacias neoliberais. Así por exemplo sobre quen debe ter conta do galego, do patrimonio cultural, material ou inmaterial, ou sobre quen é responsábel do coidado do ambiente, da situación sanitaria, ou do control da pandemia.

Cómpre recoñecer a nosa responsabilidade individual, actuar para que a lingua galega teña futuro, comprometernos no coidado do ambiente, seguir as indicacións para evitar contaxiarnos ou contaxiar outras persoas. Porén, é inaceptábel o discurso neoliberal que pretende descargar sobre os individuos responsabilidades que corresponden ás institucións. Intentamos producir menos residuos, reciclar, separar lixo, mais é aos gobernos a quen corresponde, por exemplo, vixiar o que ocorre en Sogama para que os envases de plástico que separamos non acaben incinerados ou nos océanos. Con disciplina ficamos na casa cando o recomendan, gardamos distancias, levamos máscara, evitamos xuntanzas familiares ou con amizades por moito que o desexemos. Porén, todo iso terá pouco efecto se o Goberno galego non contrata máis médicas e enfermeiros, se non organiza un rastrexo amplo e rigoroso, se non dota de recursos adecuados a Atención Primaria, se non inviste na sanidade pública no canto de reforzar a privada. Somos socias de media ducia de ONG, sobre todo das que atenden á raíz dos problemas, como Implicadas no Desenvolvemento, mais é aos gobernos europeos a quen corresponde dar resposta á situación de migrantes e persoas refuxiadas. O investigador sobre a imaxe pública da ciencia Noah Feinstein critica a idea de que enfrontar a posverdade e as noticias falsas sexa responsabilidade dos individuos –e por tanto chegaría con educar–, en vez de competencia das institucións, incluídos os medios, que fomentan manipulacións e deben mudar.

Escribiu Clarice Lispector, a grande escritora brasileira da que este ano celebramos o centenario: “Ser feliz é uma responsabilidade muito grande.” De quen é a responsabilidade de sermos felices?

Comentarios