Opinión

Pasolini: o ferrete da escrita

A escrita –e o cine– de Pasolini é un ferrete que nos aguilloa. Diríase que pensando nela escribiu Kafka, en 1904, que soamente deberiamos ler libros que traben en nós, que nos aguilloen, que nos acorden como unha puñada no cranio, como unha machada. O cinco de marzo celebrabamos cen anos do seu nacemento, doiámonos de que o seu brutal asasinato, na madrugada do dous de novembro de 1975, nos arrebatara poemas fulgurantes, novelas sobre quen viven nas marxes, artigos de denuncia, filmes a crebaren límites. Con ser torrencial a súa obra literaria e cinematográfica, máis de vinte volumes de poesía –os primeiros en friulano, a lingua da súa nai–, dez novelas, vinte e catro películas, ensaios, artigos de prensa, teatro, traducións, tiñamos fame de máis.

"Como eu posúo a historia, / ela posúeme; ilumíname: / mais de que serve a luz?" escribe Pasolini no canto IV d'As cinzas de Gramsci. Paradoxal preguntar de que serve a luz, sendo luce a palabra máis repetida nos seus primeiros libros de poemas. Luz, lucidez ao escaravellar nos sinistros recantos da política italiana dos 60 e 70, para a novela inacabada Petróleo, facer luz sobre as conexións entre o financiamento da Democracia Cristiá, a empresa petrolífera ENI, o empresario Eugenio Cefis, a quen atribuía a responsabilidade dos asasinatos do xornalista Mauro de Mauro e de Enrico Mattei, fundador de ENI, partidario de manter estábeis os prezos do combustíbel, e contrario ás Sete irmás, as grandes multinacionais; os sanguentos atentados. "Eu sei –escribe Pasolini no xornal en novembro de 1974–. Eu sei os nomes dos responsábeis do que chaman golpe. Eu sei os nomes dos responsábeis da masacre de Milán do 12 de decembro de 1969. Eu sei os nomes dos responsábeis das masacres de Brescia e Boloña de 1974". Seino, afirmou Pasolini e talvez por iso o mataron, segundo suxiren David Grieco no seu filme Maquinación, ou a xornalista Simona Zecchi.

Os de Pasolini eran unha escrita, un cine, extremos, incómodos non só para Cefis ou a loxia P2, senón para o sistema. Mostra son as vinte e catro denuncias, ben polas súas novelas, ben pola súa homosexualidade. Por ser homosexual foi expulsado, en 1952, tanto do Partido Comunista como do seu posto de profesor. Tardaría anos, en Italia e en Europa, a homosexualidade deixar de ser considerada delito. Aínda hoxe en moitos países leva ao cárcere e mesmo á morte.

Unha puñada no cranio. Un ferrete, así é a súa obra.

Comentarios