Opinión

O sexo des anxes

O debate sobre se os anxos son femininos ou masculinos, ou sobre se existen anxos de distintos sexos é o paradigma dunha pregunta mal formulada. A pregunta “Son os anxos de sexo feminino ou de sexo masculino?” dá por suposto un sistema binario de sexos e xéneros, hoxe posto en cuestión. Aínda carecendo de datos precisos sobre os anxos, a iconografía represéntaos como seres andróxinos, polo que sería máis acaído preguntarse se se identifican como non binarios. Eu creo que é probábel, e vounos chamar a partir de aquí anxes.

Hoxe parécenos unha discusión ridícula, sabemos que é falsa a anécdota de estaren discutindo sobre o sexo des anxes na corte bizantina de 1453, no canto de preocupárense polo cerco do sultán turco Mehmed II. En Occidente coñécese como “caída de Constantinopla” e en Turquía como “conquista de Istambul”. Porén, cantos debates absurdos deron orixe a guerras de relixión! Non é máis absurdo matinar sobre o sexo des anxes que sobre a posibilidade de que unha muller virxe concibise e dese a luz “sen rachalo nin manchalo”, ou aínda máis, que a súa propia concepción fose inmaculada, libre do pecado orixinal, dogma que deu lugar ao cisma entre a igrexa ortodoxa e a rexida por Roma.

Talvez as preguntas que nos facemos sobre o prezo da enerxía eléctrica sufran tamén problemas de formulación. A cuestión é menos como reducir o prezo do recibo da luz, e máis como xestionar un recurso público, aínda que as dúas teñen relación. No caso de Galicia, produtora de enerxía renovábel, hidroeléctrica e agora eólica, é necesario que a explotación deses recursos reverta no país, tanto globalmente por unha redución do custo que atraería industria –proposta que xa foi presentada na primeira lexislatura de 1981 a 1985–, como localmente, á veciñanza afectada. Aínda sufrimos o feudalismo eléctrico, en palabras de Otero Pedrayo, que levou en 1966 á Marcha dos fouciños das mulleres en Castrelo de Miño. Proponse agora a toma do control por parte do estado das hidroeléctricas; sería parte da solución, mais a pregunta é por que as privatizaran antes: ENDESA (o N é de “nacional) foi creada como empresa pública, e en 1988 privatizada en parte polo goberno de Felipe González, proceso culminado baixo Aznar. A cuestión, pois, non é como pagar menos pola luz, senón simplemente que non nos rouben. Isto díxomo unha Perseida que me caeu esta noite no colo, e informoume sobre o sexo –non binario– des anxes.

Comentarios