Opinión

O rei sen máscara

As autoridades sanitarias recomendan usar máscara; en Galicia é obrigatoria. Porén esas recomendacións non deben atinxir o rei Felipe VI –nin a raíña Letizia– que pasearon sen ela por Canarias, Mallorca e o Centro de Alto Rendemento de deporte. Será porque ao saberse inviolábel cre o rei que o coronavirus non pode nada contra el. Ou talvez por merecerlle máis creto Bolsonaro e Trump, que fachendean de non usala, que a OMS e as médicas e médicos que, dirixidos por Fernando Simón, deseñaron a estratexia seguida por España. Isto malia a evolución dos contaxios e mortes dar a razón aos de Simón, mais desde cando as monarquías se rexeron por probas científicas?

Segundo Ramón Lobo as máscaras serven para medir o grao de imbecilidade. Estando de acordo, neste caso eu creo que certifican a arrogancia do suxeito. Tirar a máscara equivale a proclamar: fago o que me peta e ninguén mo vai reprochar. Algúns datos avalan o escaso desexo das institucións, nomeadamente o parlamento, de controlar as andanzas dos reis, eméritos ou en activo. Van censurar ao rei por andar sen máscara, se o tráfico de maletíns cheos de cartos non merece unha investigación? A viaxe de noivos de Felipe e Letizia por Samoa, as illas Fiji e outros lugares foi pagada en parte, 269 000 dólares, polo empresario Josep Cusí. Descoñezo se isto é legal, mais elegante non. O aceno de tirar fóra a máscara, que protexe a quen a leva e sobre todo aos demais, significa tamén un olímpico desprezo polo resto da poboación; non é asunto meu se se contaxian.

Si puxo máscara Núñez Feijoo para “inaugurar” o Camiño de Santiago. Daquela o que nos contaron tantas veces de que o Camiño vén do século IX é unha andrómena, na realidade non existía até o presidente percorrer eses poucos quilómetros. A máscara neste caso é para non vermos como escacha a rir de nós: que inxenuidade crer que non vai inaugurar nada durante a campaña electoral! Por outra banda, diría un sofista, non é posible inaugurar algo que, por natureza, é “ininaugurábel”, así que non hai vulneración da normativa. Debe ser esa razón a que levou ao alcalde de Compostela, Sánchez Bugallo, a acompañar o presidente neste acto de campaña no que se gabou do moito acadado polo seu Goberno.

Poden atribuír as miñas críticas ao feito de ser republicana. Mentres agardamos pola República, espero a mudanza do nome da Avenida Juan Carlos I de Compostela; eu propoño o das Irmás Fandiño Ricart.

Comentarios