domingo 25/10/20

De ‘Nós’ revista a ‘Nós diario’

A própiome, parafraseándoo, do título da fascinante exposición Galicia, de Nós a nós, na Cidade da Cultura. Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín –neto do intelectual da xeración Nós do mesmo nome– e Ana Acuña Trabazo, guíanos nun percorrido a través das angueiras, logros, e entusiasmo do grupo Nós, debullando o seu papel na articulación das ideas nacionalistas e galeguistas nas primeiras décadas do século XX. O proxecto de Nós pretendeu inserir Galicia nas correntes intelectuais –fundamentalmente nas europeas– da súa época. 

Como non sentir emoción ao contemplar a mítica maleta d'Os Eoas legada á RAG por Pondal? Ou a colección da revista Nós, da que o número 1 viu a luz en Ourense o 30 de outubro de 1920, hai cen anos, “Pra ledicia de todos e pra enxeño de moitos”, di a primeira páxina: “(É) a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai sair”. Esa esperanza nun futuro no que Galicia sexa dona do seu destino é o vento que impulsa as velas da dorna Nós, das dornas ás que fai referencia a banda deseñada –a primeira en galego, ao meu entender–que Vicente Risco dirixe a Xocas, Xaquín Lorenzo, e acaba: “Levo traballado moito. Estou morto. Estou enrabechado. Non sei.” Pois o traballo, na verdade, era moito.

Sabiamos da existencia destes documentos, mais impresiona ver as listas de nomes dos integrantes das asociacións, as achegas de cartos das nenas da Escola de Barro, Noia, promovidas pola súa mestra Aurora Castro, as cartas dando conta das dificultades económicas, as notas manuscritas para un dicionario galego de Francisca Herrera Garrido, unha das poucas mulleres que contribuíu ás actividades de Nós; así “Mancheas: cierta cantidad de grelos”. Unha das poucas, mais non a única, pois na exposición documéntanse, ademais das autoras de ensaios, Francisca, a alemá Margot Sponer e a irlandesa Annie (Eithne) MacSwiney, pertencente a unha familia independentista, outras vinte mulleres que colaboraron nela.

Nós tiña moitas caras, grupo, revista, editorial e imprenta da man de Ánxel Casal e María Miramontes. Dorna fráxil, resistiu os temporais até ser esnaquizada pola sublevación franquista. A exposición permite enxergar a diversidade de estudos –algúns nunca completados, outros destruídos– de achegas á ciencia e á cultura galega; o que puido ser, de non ficar arrasados pola barbarie. Neste centenario, poucos nomes tan acaídos para un xornal que pretende recoller o facho da revista como Nós Diario.

De ‘Nós’ revista a ‘Nós diario’
comentarios