Opinión

Mulleres valentes e predadores sexuais

Cómpre máis valor para vencer a vergonza que para se enfrontar a tigres, e non digamos para disparar fusís de asalto contra inimigos de cartón. En 2008, acabando de escribir A cabeza de Medusa, lin unha noticia que acabou sendo parte do libro: no Instituto de Medicina Legal de As Palmas gardábanse 402 mostras de ADN (de violadores), tomadas a mulleres que acudiran a urxencias ao seren violadas, mais sen analizar ao non presentaren elas denuncia. A situación mudou nesta década, sobre todo a consecuencia da violación múltipla de La Manada e a sentenza do primeiro xuízo en 2018. En España calculábase en 2016 que 80% de agresións sexuais non eran denunciadas; en países como México chegaba ao 90%. Pois a ideoloxía patriarcal fixo recaer a culpa, a vergonza, sobre a violada; da Biblia aos mitos gregos nos que a violada é mudada en animal, até as reaccións sociais: Levaba minisaia! Que facía a esas horas por ese sitio?, escusas que encontraron lugar en sentenzas xudiciais. Emilia Pardo Bazán denunciaba en 1901 nun dos seus artigos un intento de violación dunha modista e, ao non acadalo, de asasinato. Indignábase porque no xornal El Imparcial suxeríase que “non era tan honrada”. Xa din Las Tesis “a culpa non era miña, nin onde estaba nin como vestía.” Ao mesmo tempo que se cargaba, e aínda se carga en moitos casos, a vergonza sobre as mulleres, atribuíuse aos varóns a condición de predadores sexuais debido a instintos incontrolábeis, normalizándose as agresións, como mostra o poema de Pondal “Pilleina antr´os pinos soa”, coas súas metáforas de raposos e galiñas e o seu desprezo pola rapaza que, alba de medo e tremendo, prégalle de xeonllos que non a viole. Non caben escusas, como as de Plácido Domingo dicindo que as regras e valores son agora distintos: non todos os homes se comportaban así, nin en tempos de Pondal, nin hai trinta anos. De 2017 a 2018 aumentaron en España un 22,7% as denuncias de violacións e un 17,5% outras agresións sexuais, o que se atribúe a un aumento da conciencia da importancia de denunciar e non a máis agresións. Se esta conciencia está medrando é polo exemplo de mulleres afoutas, a moza violada nos San Fermíns, as actrices do movemento MeToo, as que acusaron a Harvey Weinstein e a Plácido Domingo, e as que esta semana deron a razón a xustiza estadounidense, no primeiro caso, e unha investigación no segundo. Mulleres valentes ás que debemos mudanzas sociais.

Comentarios