Opinión

Mullerenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño

Escribe Luís Seoane no estremecedor poema “Cabo, a derradeira imaxe. 1936” co que finaliza o libro Na brétema, Sant-Iago (1956):

A filla do zapateiro, ou do ferreiro, ou do xastre, era levada en camisa pol-as rúas marcadas a fogo tres letras na fronte, a cabeza enfeitada, escarnecida, despoxada dos longos rizos loiros. Berrábanlle as letras da fronte. Eran soio ceibes a mar e os paxaros.

Hoxe, como cada dezaoito de xullo, as feministas galegas realizamos unha mullerenaxe en Compostela ás irmás Fandiño Ricart, durante anos consideradas tan só personaxes pintorescas, ou tolas, ao ser descoñecida a súa tráxica historia de represión e resistencia. Grazas entre outras a Encarna Otero, ao documental de Rivadulla Corcón, esa historia foi recuperada, aínda que moitos de quen se retratan con elas a carón da escultura na Alameda non lean a placa que dá conta dela.

Imposíbel saber se Luís Seoane estaba pensando en Maruxa e Coralia cando escribiu desde o exilio o poema describindo vexacións ás mulleres. Escarnios houbo máis, en Compostela e noutros lugares. Porén, resulta acaído para as fillas de Arturo Fandiño, zapateiro, e Consuelo Ricart, costureira. As tres letras na fronte, un enigma para lectoras e lectores máis novos, son UHP, Uníos Hermanos Proletarios, lema que simbolizou a alianza de socialistas, comunistas e anarquistas durante a Revolución de Asturias en 1934. As tres letras adoitaban pintarse, aínda que nalgúns casos, como di Seoane, foron marcadas a fogo como parte dunha violencia específica contra as mulleres: rapar o cabelo, símbolo de beleza e sensualidade, purgantes como o rícino para humillalas. Cada día, ás dúas en punto, escuálidas, mais dignas, paseaban vestidas de ledas cores reproducidas por César Lombera. O que durante anos foi considerado produto da loucura é interpretado hoxe, desde unha perspectiva feminista, como un acto de resistencia, un facho de luz na tebra do franquismo.

Anarquista era a familia Fandiño Ricart: tres irmáns foron líderes da CNT (Confederación Nacional do Traballo); Manuel, pintor de santos, secretario xeral da CNT galega; Alfonso, secretario da Confederación Local de Sindicatos de Santiago, e Antonio, un dos responsábeis da CNT durante a guerra. Manuel e Antonio, fuxidos no 36, foron encarcerados nas prisións franquistas até os anos 50, e o segundo morreu pouco despois a consecuencia dos malos tratos sufridos nelas, mentres Alfonso se exiliaba a Francia. O acoso dos falanxistas e a policía a Maruxa e Coralia tiña por obxecto, probabelmente, localizar os irmáns fuxidos.

O anarquismo é un movemento vilipendiado e a súa relevancia na loita polas liberdades en Galicia e España adoita ser ignorada, en parte debido á hexemonía das correntes marxistas. Asóciase decote máis con “anarquía”, no sentido de desorde e confusión, que coa crítica aos autoritarismos. Porén, galego foi un dos primeiros activistas e teóricos libertarios de España, Ricardo Mella. A investigadora Iria Presa creou a web ricardomellacea.info con obras de Mella e documentación sobre el e a súa familia. Nela sobrancea a súa filla Urania Mella, presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas de Vigo e membro de Socorro Rojo. Condenada a morte, logo do golpe de Estado do 36, xunto co seu home Humberto Solleiro, asasinado no Castro, foille conmutada a pena. Iria Presa subliña a modernidade das ideas de Ricardo Mella sobre a educación libertaria, que el chamaba neutral: non republicana, nin socialista, nin anarquista, nin relixiosa. Concibía esta educación como o desenvolvemento da independencia intelectual.

Camiñando por Viana do Castelo nos días en que isto escribía reparei nun pequeno monólito co nome da rúa Manuel Fiúza Júnior, “preso torturado e assassinado pela PIDE em 1957”. Pregunteime por que non temos en Galicia rúas cos nomes das Irmás Fandiño, de Moncho Reboiras (hai unha en Corcubión) ou de Humberto Baena. Manuel Fiúza foi tamén anarquista, editor da revista A Voz dos Famintos. Di Seoane: “Eran soio ceibes a mar e os paxaros”.

Comentarios