Opinión

Libros, cine e política: de 'O que arde' a 'Tempo fósil'

Os libros, o cine, o teatro, iluminan a vida, e a nosa vida é inseparábel do tempo e o país no que se desenvolve. Refírome ás obras de verdade, que teñen peso e substancia, pois paradoxalmente son estas, que non son light, as únicas que proxectan luz. Chamamos políticos a textos ou filmes que enfocan para alén do estritamente íntimo, ou que o conectan co social. Tempo fósil, de Pilar Pallarés, recente Premio nacional de poesía, emite unha luz cegadora. Os seus poemas vencellan o persoal e íntimo co político, confirmando mais unha vez a Kate Millett. En primeiro lugar, a decisión de escribir en galego é, sen dúbida, unha forma de acción política. Tempo fósil dá conta da perda da casa familiar da autora en Culleredo, levantada polo pai coas súas mans; rexistra a desaparición irreversíbel dos espazos da infancia. A causa da aniquilación é política, a ampliación do aeroporto de Alvedro, «un terraplén monstruoso» segundo Pallarés. A consecuencia, nunha imaxe estarrecedora, é «a paisaxe desmembrada». Sorpréndese a poeta da identificación de lectoras e lectores cun libro que narra circunstancias tan persoais. Creo ser este sentimento común a quen escribimos poesía, pois acabado o libro, tendemos a pensar que sendo tan noso ninguén máis o comprenderá. Velaí o milagre da poesía, como dicía Luís Pimentel. «Fora mellor o lume», afirma Pilar, a casa transformada en cinza, antes que en entullo. Lume nas casas, lume nas fragas. Unha traxedia á que só é dado achegarse desde a empatía, como fai Oliver Laxe en O que arde. De novo a decisión política de rodar en galego, mostrando que é posíbel para un filme en lingua galega acadar un premio en Cannes. Unha cuestión política, o rural abandonado pola administración, as plantacións de eucaliptos, a carraxe soterrada. Quen pasamos algunha noite a pé, batendo no lume con ramallos e pas, nun intento de evitar que alcanzase as casas revivimos esa angustia co filme. Como Tempo fósil, é un regreso á aldea dos Ancares que Oliver Laxe describe como «o meu verdadeiro fogar, a miña raíz». Recomendo, mesmo a quen non viron a película, descargar na web de Numax a súa folla de sala, coas «Notas de intención» do director. O que arde provoca bágoas. Son poucas as obras de arte que conseguen esa identificación completa de quen as contempla; lembro a exposición de Virxilio Viéitez, o fotógrafo de Soutelo de Montes.

Alédome do que semella un novo interese na política, malia os esforzos do pensamento único por difundir que a política é ruín e aburrida, o que equivale a deixala nas mans duns poucos que estarían lexitimados para facela. Ademais das obras galegas citadas, hai un mangadiño de cine político moi interesante, como Parasitos, Mientras dure la guerra ou Retrato dunha moza en chamas. «A casa da familia rica é unha metáfora do capitalismo». A frase non vén dunha interpretación da crítica de esquerdas, senón do propio Bong Joon‑ ho, director de Parasitos, o filme coreano que gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes. Humor negro e crítica social combínanse nesta historia que explora as enormes desigualdades que, como noutras sociedades capitalistas, están por baixo do éxito económico na Corea do Sur, que está entre as dez maiores economías do mundo. Un país que –debido a un convite a un congreso– tiven oportunidade de coñecer en xaneiro, e no que a educación é prioridade nacional, á que se asigna o 5,1% do PIB; en España é do 4,24%, menos que hai dez anos. Mientras dure la guerra de Alejandro Amenábar é unha das películas máis rigorosas sobre a guerra civil. Non entendo por que algunhas persoas falan de equidistancia. Documenta con precisión como Franco optou por unha guerra máis longa, que lle dese oportunidade para exterminar os republicanos e a esquerda, no canto dunha máis breve. En canto ao Retrato dunha moza en chamas, de Céline Sciamma, é unha poderosa reflexión sobre a ollada das mulleres e a sororidade que mostra as diferenzas entre a perspectiva feminista e a patriarcal. A cultura política goza de boa saúde.

(Artigo publicado no Sermos Galiza nº371)

Comentarios