Opinión

Indultos e patrias

Está converténdose en costume do Partido Popular, e doutras xentes da dereita que non vou mencionar por non lixar as páxinas deste xornal, erixirse en intérpretes de leis, estatutos e Constitución, como se no canto de textos escritos con máis ou menos precisión fosen arcanos pergameos que necesitan da súa exexese. Nestes días é o trámite dos indultos para os políticos e políticas cataláns en prisión, presentado pola dereita e os seus altofalantes nos medios como a coitelada que vai rachar España irrevogabelmente, a proba da traizón do presidente ao seu programa e ao país, as trinta moedas entregadas a ERC para que aproben os orzamentos, ou a consumación do golpe de estado perpetrado en Cataluña. Certo que se España se rompese cada vez que isto agoiran só quedarían dela uns farrapos esfiañados. Non vou entrar a discutir o obvio: a lei obriga a tramitar (todas) as peticións de indulto, daquela o ilegal sería non tramitar estas. Eles, sabémolo, réxense pola lei do funil, manga ancha para os seus e ausencia de dereitos para os demais.

Chama a atención a forma en que se utilizan, a propósito dos indultos, apelacións aos “intereses de España”, confundindo interesadamente a súa ideoloxía, o seu discurso que considera ilexítimo calquera goberno distinto do seu, co conxunto do estado e as persoas que nel viven. Para min que o indulto ou amnistía fiscal executada polo PP en 2012 –logo de Rajoy prometer en campaña que non o faría– anunciada polo ministro Montoro baixo o eufemismo de “medidas excepcionais para incentivar a tributación de rendas non declaradas” foi moito máis daniño para os intereses dos españois: 40.000 millóns de euros. Porque todo o que sexa diñeiro negro está subtraendo á facenda pública cartos que son necesarios para financiar sanidade, educación, transporte e, en xeral, servizos públicos.

Ocorre que este señores confunden a patria coa billeteira porque seguramente a súa patria está nesas covas de Alí Babá chamadas paraísos fiscais. Igual balbordo están orquestrando cos anuncios do goberno de reformar os artigos sobre sedición do código penal que, total, só datan de 1870. A sedición e os seus equivalentes non existen nas normas doutros países europeos, así de sinxelo. Xa o propio termo ten un cheiro arcaico, pode ser acaído para unha novela, non para leis. Esta reforma levaría de inmediato á liberdade das presas e presos. Unha solución política para un problema político.

Comentarios