Opinión

Granxas de visóns: unha bomba

Todas as granxas onde hai miles de animais arremuiñados son unha bomba en potencia, todas, sexan de visóns ou de porcos. Unha bomba de virus, enténdese. Repetireino: é probábel, segundo Zheng-Li Shi, a maior experta nestes virus, que a transmisión destas doenzas se realice a través de animais amoreados neses centros de cría intensiva; en

Wuhan sobre todo porcos, dos que en Galicia hai un millón. Por que debemos mudar esa forma de criar animais? Entre outras por dúas razóns.

Hoxe sabemos que os animais son seres que senten. Numerosos estudos de bioloxía proban, sen dúbida, que experimentan emocións, cariño, medo. As vacas pasan varios días de dó cando lles quitan os cuchos. Os porquiños xogan, se teñen sitio para facelo. Baleas e golfiños comunícanse. Todas as persoas que teñen animais domésticos, especialmente cans e cabalos saben isto, e con outros mamíferos ocorre algo semellante, aínda que para os seres humanos sexa máis cómodo ignoralo, para non ter que enfrontarnos ao modo en que os usamos. Non unicamente os mamíferos, hai estudos que mostran como os peixes senten máis ou menos temor segundo sexa a súa morte. Na filosofía hai unha corrente que mantén que todos os seres que senten son merecedores de consideración moral, e que deben ser tratados acorde a isto. De aí as propostas de vexetarianismo ou incluso veganismo. Para o caso que nos ocupa, está claro que as condicións de vida dos establecementos de gandería intensiva son atroces. Non vou discutir hoxe en detalle se deberiamos mudar a nosa forma de comer, en todo caso está claro que debemos consumir máis vexetais e que, de criar animais, debe facerse de modo que teñan unha vida digna, semellante á gandería tradicional. A segunda razón é ambiental, a contribución da gandería ao efecto invernadoiro e o quecemento global, a contaminación dos acuíferos, a cantidade de auga que consomen. En Galicia unha mudanza social cara a dietas con menos carne tería consecuencias económicas, mais a reconversión é posíbel.

No caso dos visóns o propósito nin sequera é producir alimentos, senón un tipo de roupa innecesaria que só constitúe un símbolo externo de riqueza e status. É un disparate que en Galicia haxa 69.000 visóns. Malo para os animais, perigoso para nós como mostra a infección na granxa de A Baña. Sería un disparate maior ceibalos. Non teño a solución para os animais, é complicada, mais é urxente acabar con este tipo de granxas.

comentarios