Opinión

Eu non estou en guerra

No monólogo O testamento de María, o escritor irlandés Colm Tóibín pon en boca da protagonista –a nai de Xesús, que resiste o acoso dos apóstolos sobreviventes, negándose a mudar o seu relato– estas palabras para describir o fillo e mais os seus discípulos: “durante toda a miña vida, cando vin máis de dous homes xuntos, vin necidade e vin crueldade, mais do que primeiro me decatei é da necidade.” O monólogo alude, a través dunha historia coñecida, ao fanatismo xurdido en conflitos; é difícil non pensar en Irlanda, aínda sen adoptar unha equidistancia entre invasores británicos e resistentes irlandeses. O pai de Tóibín pertencera ao IRA; o escritor describe a súa infancia como un tempo de silencio.

O fanático individual é perigoso, os fanáticos colectivos moito máis, sobre todo se teñen pistolas. A xente que cre posuír a verdade e estar autorizada a repartir carnés distinguindo os “bos e xenerosos” dos “imbéciles e escuros” ponme medo. Non vou entrar nas infamias vertidas nestas semanas pola dereita, no abxecto uso dos mortos, nas mentiras –dubido que lean Nós Diario, aínda que deberían. A miña reflexión é sobre as “trincheiras” nas que decote se sitúan persoas e colectivos que teñen como fins comúns a igualdade, a xustiza social, a defensa de Galicia, da lingua galega. Uso á mantenta esta palabra, escoitada na pregunta: “E ti, de que lado da trincheira estás?” en referencia ás distintas opcións ortográficas. Declaro non gustar das metáforas bélicas: Eu non estou en guerra con ninguén. Non considero a ninguén inimigo, nin sequera quen algunha vez me insultou nas redes sociais, me calumniou ou me borrou de imaxes e historias nas que tomei parte; moito menos quen utilizan unha ortografía distinta. E neste intre non estamos en guerra. A pandemia do coronavirus é unha traxedia que require tanto cooperación como vixilancia. Paréceme máis acaída a analoxía coa marea negra do Prestige e o movemento Nunca máis; daquela cooperamos para limpar os areais e criticamos manipulacións dos medios. Agora debemos colaborar evitando os contaxios e denunciar os intentos de restrinxir liberdades. Vixiar para que un novo pacto, se se acada, non signifique que pagan as traballadoras e traballadores. Mais deixar de lado o sectarismo, valorar de modo ecuánime as difíciles decisións que toman as institucións. Sería máis doado apelar a sentimentos –mesmo irracionais– que á reflexión, mais resulta necesario.

Comentarios