Opinión

Distinguir verdades de mentiras

Dispoñer de máis información é bo: durante séculos os poderes que controlaban o coñecemento, nomeadamente gobernantes e Igrexa, puxeron todo o seu empeño en que nin os servos, nin os proletarios, nin as mulleres de calquera clase social tivesen acceso a el. Narciso de Gabriel analizou como no século XIX, cando só 104 das 1.435 escolas públicas galegas eran de nenas, non se consideraba necesario que estas fosen á escola. Nin os concellos, pois "as circunstancias do país e os antigos costumes repugnan, no sexo feminino, unha educación (sen contacto cos traballos do campo)", nin os pais, que prohibían expresamente aos mestres aprenderlles a ler e sobre todo a escribir.

O problema, máis que o aumento de información, son os criterios para valorala. Desenvolver o pensamento crítico pode ser unha ferramenta para enfrontar o negacionismo e a chamada posverdade. A posverdade é definida como unha corrupción do proceso polo que se recollen e usan datos de modo fiábel para conformar crenzas sobre a realidade. Ou máis sinxelamente, para o dicionario da RAG son feitos ou afirmacións sen fundamento obxectivo, que, propagados de forma repetitiva para influír na opinión pública, son tidos como verdadeiros. Nalgúns casos son mentiras sobre procesos electorais, así cando Donald Trump, agora e en 2020, afirma que Biden gañou con trampas. Noutros trátase de cuestións científicas de impacto social: Isabel Díaz Ayuso dixo a semana pasada que desde que a Terra existe houbo cambio climático e que a esquerda "non pode seguir contra a evidencia científica" facéndoo para "infundir terror". Neste negacionismo climático coincide co candidato (fracasado) de extrema dereita francés Eric Zemmour, quen acusou os científicos de facer predicións apocalípticas porque "o home é, desde hai millóns de anos, a única especie que se adapta a todas as temperaturas". De impacto, pois o quecemento global é innegábel, como mostran todos os estudos científicos, e as súas consecuencias, secas, asolagamentos, fenómenos meteorolóxicos extremos, serán peores nos países con economías dependentes. Non é doado desmontar os discursos do populismo de dereitas, o quecemento global é un problema complexo, que require accións en distintos campos e que requiriría mudanzas nos estilos de vida. Aínda sen ser doado, é preciso traballar, na escola, nos medios, na sociedade, sobre os criterios que nos permiten distinguir verdades de mentiras.

Comentarios