Opinión

Desigualdades sociais

Hai douscentos anos, o 28 de novembro de 1820, nacía en Barmen Friedrich Engels, nunha familia adiñeirada propietaria de factorías téxtiles. Aínda que en moitas ocasións permaneceu nun segundo plano a respecto de Marx, desenvolveron xuntos grande parte das nocións centrais do marxismo, como proba a coautoría do Manifesto Comunista. Na súa vida persoal Engels foi menos tradicional que Marx, viviu sen casar coa súa compañeira, Mary Burns, irlandesa moi reivindicativa que traballaba nunha das factorías da súa familia e que colaborou con el para que coñecese de perto a situación do proletariado. Unha mostra de que as ideas de Engels e Marx seguen tendo interese para as galegas e os galegos de 2020 é a escandalosa desigualdade entre as rendas do capital e as do traballo, como debullaba Xacobe Ferreiro en Nós Diario o xoves pasado.

Non é que as desigualdades persistan, é que medran ano tras ano, segundo datos dun organismo oficial, o Instituto Galego de Estatística, pois as rendas do traballo pasaron do 48% ao 44% nos dez últimos anos, enfraquecendo catro puntos que foron engrosar as do capital. Desde a crise de 2008 os ricos son máis ricos e os pobres máis pobres. Non puiden localizar datos desta fenda desagregados para Galicia, mais no conxunto do estado o número de contribuíntes que posúen fortunas de máis de 700.000 euros aumentou en case 50.000 desde 2011, mentres o número de pobres medraba case un 10%.

Dise que a pandemia afecta “a todos”, porén nada menos certo. En España, segundo a OIT, en decembro de 2019 o dez por cento máis rico gañaba 23 veces que o dez por cento máis pobre; un ano despois gaña 36 veces máis. En Europa só hai crecementos similares en Irlanda e Portugal. Aínda sen ter datos desagregados para Galicia, as dúas persoas máis ricas de España, segundo Forbes, son galegas, Amancio Ortega, cun patrimonio de 57.000 millóns de euros, un dez por cento menor que o pasado ano, ocupa a primeira posición e Sandra Ortega, con 5.600, a segunda.

A idea de que o desenvolvemento económico levaría automaticamente á redistribución de ingresos é un grande engano, e as baixadas de impostos ao patrimonio e aos altos ingresos perpetradas pola dereita, subtraendo recursos ao público, unha obscenidade. Claro que, de facer caso ao delirio dos militares golpistas, a solución redistributiva é doada, chegaría con fusilar 26 millóns de roxos e nacionalistas e serían menos a repartir.

Comentarios