Opinión

Darío, construtor de mitos e esperanzas

No escuro da noite foinos arrebatado.

Darío, poeta, narrador, incomparábel tradutor, activista, editor e, sobre todo ou en todo, construtor de mitos. Un país bebe dos mitos, así calman a sede as xentes con auga. Darío Xohán Cabana –magoa falar del en pasado– mudou todo o que tocaba en materia de lenda. Desde Roás – Saor, á Terra de Nós, a Galicia mítica do futuro próximo, do pasado, ou talvez do presente. Recoñecémonos, ou albiscamos historias que poderían ser na Grándola Nova de O cervo na torre. Confeso unha relación sentimental con ese libro: en 1994 Darío e mais eu recibimos xuntos os premios convocados por Xerais, el o de novela, eu o Merlín por A expedición do Pacífico, sendo a primeira vez que acadaba un, e xuntos fixemos algunhas presentacións. Lembro a súa xenerosidade e tamén que non consideraba a literatura para a mocidade un xénero menor. Para Darío todo era escrita, fose poesía, narrativa para calquera idade, encrucillados, ou traernos ao galego os versos de Dante e Petrarca; en todo poñía a mesma atención de ourive, o mesmo amor. Darío, mestre de escritoras e escritores novos, e entre eles traio aquí os da Costa da Morte. Creo que o Batallón literario da Costa da Morte debe en parte a súa existencia á estadía de Darío en Corcubión como garda municipal entre 1983 e 1987; en tanto gardaba rúas sementaba na mocidade faíscas de poesía e de nacionalismo.

Mitos e memorias, titulou en 2003 o seu libro de relatos, unha alfaia inexplicabelmente descatalogada, o que só cabe atribuír ao desleixo co que o país trata o relato. Darío escribe Galicia, escríbenos, insire na memoria colectiva as vitorias, grandes ou pequenas, e as batallas perdidas. Perdemos batallas, mais non a esperanza:

Perderemos batallas
esbroaranse muros
de fraterna defensa
mais nós, xente do galo,
non deixaremos Antioquía.

Coincido con Alexandra, a filla de Darío e Amelia, en sentir unha emoción especial ao ler ou escoitar Darío recitar este poema. “Antioquía –di Alexandra– non é só un lugar, é un tempo e unha esperanza, e nós, xente do galo, non deixaremos Antioquía.” Non hai que ter medo a perder batallas, Darío, fillo dun labrego comunista e republicano, sabíao ben. A travesía da loita pola xustiza social, pola dignidade do país, está chea de atrancos; as causas máis nobres, máis fermosas poden ser causas perdidas. Porén, cómpre erguerse e continuar navegando: Darío sinala con palabra de lume o camiño de Antioquía.

Comentarios