Opinión

Con I de indulto

O 23 de febreiro de 1981 un grupo de gardas civís armados con metralletas, baixo as ordes to tenente coronel Antonio Tejero entraron a tiros no Congreso dos Deputados, secuestrando os poderes executivo e lexislativo. Sendo a irrupción no congreso a parte máis coñecida do golpe de estado, non foi a única: Jaime Milans del Bosch sublevouse en Valencia, sacando á rúa carros de combate; Torres Rojas intentou –sen conseguilo– tomar o mando da División Acorazada Brunete, para ocupar as sedes da radio e televisión. Lémbroo ben, até comprobarmos que o golpe fracasara, fomos á casa dunha amiga, pois sospeitabamos, con razón, que os nosos nomes estaban na lista negra (“dirixente comunista radical”). Tejero, condenado a trinta anos por rebelión militar, gozou de réxime aberto desde 1993, saíndo en liberdade condicional en 1996.

En 1993 o Tribunal Supremo emitiu un informe favorábel á concesión do indulto a Tejero, malia non existir arrepentimento. El non foi indultado, mais si Alfonso Armada, un dos autores do golpe. Talvez a miña memoria, transcorridos corenta anos, non reproduza con exactitude o ocorrido, e Tejero fose un benfeitor, un heroe da paz, un defensor da legalidade democrática.

Ou pode ser que o indulto a Tejero fose un indulto pequeniño, con i minúsculo, mentres que o que se prepara para os presos do procés será un Indulto desmesurado, con I maiúsculo, ao que o Tribunal Supremo non ten outra que se opoñer. Os criterios para decidir se estamos ante un “indulto“ ou un “Indulto” son arcanos, só coñecidos polos integrantes do tribunal.

Con i minúsculo deberon ser tamén os indultos parciais, por parte do goberno de Aznar, a Barrionuevo e Vera, parte da cúpula de interior, considerados responsábeis dos GAL. Este grupo parapolicial cometeu 27 asasinatos, sendo o primeiro o de Joxean Lasa e Joxi Zabala. E o i dos indultos a empresarios e políticos corruptos xa nin sequera debe ser minúsculo, senón un subíndice, pois estes son os máis numerosos: o caso Filesa de financiación ilegal do PSOE, o caso Sogecable, ou o de Jesús Gil, condenado por estafa. Jesús Gil talvez fose o máis veterano en cuestións de indultos, pois xa Franco o indultara logo do afundimento dun restaurante da súa propiedade onde morreron 58 persoas.

Mais seica nada teñen que ver estes indultiños cos dos presos do procés que pretenden encarreirar na política unha cuestión que debe ser resolta pola política e non polos tribunais.

Comentarios