Opinión

A casa Portela – Babío

Unha casa tapiada. Metáfora de historias negadas, dun avó asasinado por apoiar a resistencia labrega, dunha avoa desafiuzada cos beizos selados polo medo, dunha falsa compravenda. Historias rescatadas grazas á teimosía de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, Lito. Pois Meirás, ademais do espazo no que Emilia Pardo Bazán escribiu novelas e o seu ensaio feminista máis importante, do lugar onde o ditador presidía consellos de ministros, foi entre a morte dela e a chegada del “Meirás rebelde”, como titula Lito un artigo sobre o conflito agrario na Segunda República. A casa Portela - Babío é testemuña da rebeldía.

A orixe é a venda en 1933 por Jaime Quiroga, fillo da escritora, de dúas fincas que traballaban en arrendo as familias labregas de Eduardo Barral e Manuel Carballeira. Quiroga, participante no intento golpista de 1932, foi un desbaldidor; Emilia redactou en 1912 un testamento retirándolle as melloras debido a “gastos crecidos e inxustificados”. O novo propietario duplicou a renda, e ante a negativa dos labregos, ambos militantes da CNT, solicitou o despoxo. En abril a veciñanza toma as terras, cultivándoas, sementando millo, mobilizacións documentadas no libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio e no artigo “Meirás rebelde”, e nas que as mulleres tiveron grande protagonismo, os homes estaban presos. O conflito chega a 1935, o sindicalista Francisco Babío –que tiña casa propia, non fora despoxado– morre a consecuencia do maltrato na cadea. O párroco negouse a soterralo no cemiterio parroquial; sería enterrado envolto na bandeira galega. 

En 1938 a Junta pro Pazo incáutase de fincas lindeiras coa orixinal, e mais da casa na que vivía Josefa Portela, viúva de Francisco, cos seus cinco fillos; incautación da que Josefa nunca quixo falar. A memoria da violencia represiva logo do golpe, dos sindicalistas torturados e asasinados debía pesar moito. Primeiro foron expulsados da casa, o que os deixaba sen vivenda nin medios de vida, e obrigados a asinar unha venda simulada sen recibir nada a cambio. Catro anos despois, mediando Barrié, e debido probablemente ao malestar da veciñanza, a familia é forzada a asinar unha segunda “venda” pola que recibiron 5.000 pesetas, aínda que no documento figuraban 50.000.

A día de hoxe, a casa está tapiada. A historia foi documentada por Babío e Lito. Ambas deben ser recuperadas, merecen ser difundidas en novelas ou filmes. Houbo un Meirás rebelde.

Comentarios