Opinión

Camilo Nogueira: paixón por Galicia

A medalla Castelao recoñece en Camilo Nogueira a quen ergue o facho da paixón por Galicia. Como Castelao, Camilo leva a Galicia no corazón. Toda a súa vida está orientada a acadar o soño dun país dono de si, a través da militancia nacionalista e dos ensaios históricos. Ten a gala ser vigués de Lavadores, de Riomao, mais sen caer nese localismo que ás veces atranca a construción de Galicia como país. En Vigo foi presidente da Asociación Cultural, unha das formas de facer política, de defender a lingua e a cultura galegas nos tempos da ditadura, e traballou de enxeñeiro en Citroën. Púxose de parte dos obreiros nas folgas de 1972, nas que colaborou con dirixentes sindicais como Francisco Lores Santacecilia, secundando a fundación do Sindicato Obreiro Galego (SOG). Que escándalo, un enxeñeiro de mans dadas cos traballadores! Custoulle o despedimento, a prisión, a tortura.

O nacionalismo galego débelle moito a Camilo Nogueira, empeñado en poñer en pé forzas políticas propias, de Galicia Socialista creada na clandestinidade en 1968 e despois fusionada coa UPG, á participación na fundación do BNG. Fundou Esquerda Galega, sendo o único deputado nacionalista na primeira lexislatura en 1981, e foi un dos redactores do proxecto de Estatuto de Autonomía. No parlamento teimou na defensa da lingua, sendo artífice da Lei de Normalización lingüística de 1983. Fálase agora de plataformas políticas amplas, e cómpre recoñecer o esforzo que representou Unidade Galega en 1993, unindo traxectorias distintas nunha soa candidatura. Desde 1994 en que o PSG-EG se integrou no BNG, Camilo foi deputado polo Bloque no parlamento galego, e entre 1999 e 2004 no europeo.

Se algo define a Camilo Nogueira é a teimosía. Adiantou ideas que, se no seu momento eran minoritarias no nacionalismo galego –como a necesidade de traballar por Galicia no marco da autonomía, do parlamento e do estatuto– agora forman parte do discurso maioritario. Débeselle este recoñecemento. Europeísta, teimou en situar a Galicia no centro dunha Europa que, sendo mellorábel, é o espazo de máis liberdade e benestar do mundo. No parlamento europeo falou portugués, que para el é unha das formas de falar galego, e non á inversa. Entre as fermosas empresas debidas á súa teimosía cóntase a singradura do Xurelo, o pequeno pesqueiro que en 1981 se enfrontou aos temíbeis bidóns de residuos radioactivos. Camilo: soñar un país co optimismo gramsciano.

Comentarios