Opinión

Camilo Gonsar e a furia dos mansos

A iniciativa de Sermos Galiza de publicar no seu décimo aniversario o feixe de relatos Relatan... Nós, e mais a conversa con Antón Escuredo, prenderon ou afogueiraron unha miña teima sobre o papel do relato na literatura galega. Ten unha posición difícil: malia achegas de autores clásicos, Castelao, Dieste ou Ánxel Fole –mesmo Rosalía na súa única prosa en galego, Contos da miña terra– nin resulta doado publicalos, nin se lles presta a atención que reciben as novelas. Con algunhas excepcións, por suposto. Sen contar coa cisma dos relatos inéditos. Porén, despois de Dieste e Castelao houbo e hai relatos maxistrais.

Traio aquí a Camilo Gonsar, sobranceiro nos relatos, renovador da narrativa galega, autor non tan coñecido como merecería. Camilo, ou Andrés Goián, quen segundo el é o autor dos reunidos en Arredor do non. Duplo distanciamento, entre o autor e a voz de Goián, entre este narrador e os personaxes, pois Camilo Gonsar cría acabada a novela –a narración– psicolóxica, de introspección desde o exterior. O seu obxectivo era a recreación de ambientes. Camilo e mais eu fomos compañeiros no Instituto Castelao de Vigo, e poucas persoas coñecín –menos escritores– tan discretas, tímidas, e carentes de interese na presenza pública. Era un home suave, manso, mansedume que podía agochar a furia producida polo deterioro da paisaxe natural, das cidades e vilas galegas. A furia ía reunindo forza, como un resorte, até estralar nos relatos, en novelas como Desfeita, subtitulada "semirreportaxe". De "Cemento": "Con présa e sen pausa, o Cemento avanza e vai cubrindo a totalidade do País: as aldeas, os campos, e mesmo os montes máis apartados e, desde logo, as costas e as praias". En 1990, nunha entrevista con Manuel Forcadela, referíndose a Desfeita, afirma que a destrución das vilas e da súa tradición arquitectónica supón unha destrución da personalidade da xente. Que diría hoxe, cando os edificios que el chamou estafermos invaden cidades, vilas e ameazan as aldeas. Camilo presta delicada atención aos personaxes de paisanos, así "O eterno paisano" e ás pequenas, como a neta do paisano nese conto, a quen suspenderan no "terrorífico exame de ingreso", ou a de "Galicia" que intenta, falando a lingua do país "coa voz tremecente como un paxaro recén atrapado na man" mercar un real de xofre, fronte a un vendedor que responde en castelán e só vende un mínimo dunha peseta de "azufre". Lean a Camilo Gonsar.

Comentarios