luns 01/03/21

Biblioteca Xohana Torres

"A Adeministración acóllese ao dereito de espropiar este outeiro por causas que din de 'utilidade pública'”. Xohana Torres, Un hotel de primeira sobre o río. Escrito en 1968, resoa hoxe pois a especulación non cesa. A cobiza teima en despregarse polo país todo, inzar de muíños eólicos Trevinca, o acougo máis remoto, un dos nosos segredos mellor gardados. Aínda tememos polo futuro nas minas de San Fins, logo da súa adquisición e posta en funcionamento por Sacyr. Todo é incerteza sobre o intento de explotar minas de litio e coltán (niobio) en Beariz, Avión, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Forcarei; o informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil alertaba sobre o potencial impacto dos vertidos nas cuncas, nos acuíferos, e a necesidade de asegurar que toda a auga que volva ao sistema estea limpa; isto é caro e as empresas intentan evitalo; por outra banda, segundo unha denuncia ante a Comisión Europea, a Xunta obviou de momento o trámite da declaración de impacto ambiental. Como di Daniel no primeiro acto da obra, falando do abandono de leiras e viñedos en torno á súa casa: “É terrible. Eso non lles asusta que sangue non bota”.

Un sinal de madureza nun sistema literario é a reedición, a recuperación de clásicos indo a contracorrente do modelo de “novidades” efémeras que quere dominar non só a moda senón tamén a literatura. Cando se trata de obras de teatro que non foran representadas, para alén de funcións de teatro amador, como é o caso de Xohana Torres, o empeño en recuperalas, saudado por Manuel Xestoso en Nós diario, é aínda máis necesario. Engaiolarte, o proxecto editorial do que teñen conta con agarimo Xan Carballa e Pepe Puga, xa publicara Elexías a Lola, e Teixido, San Andrés de lonxe: Mitos e ritos, aos que agora se suman A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río, e. Estas dúas obras teatrais, editadas por Galaxia no seu momento eran difíciles de encontrar, aínda que eu tiven a fortuna de conseguilas a través da excelente tenda en liña de Noia Gallaecia libros, á cura de Lois Agrelo, unha boa alternativa ás multinacionais. As ilustracións orixinais, de Xohán Ledo en A outra banda do Iberr e de Isaac Díaz Pardo en Un hotel de primeira sobre o río, fan destes libros auténticas xoias. Sendo belas formalmente, o esencial é a cerna, falar das nosas inquedanzas medio século despois. Hai tres anos fixen un intento para seren representadas. Non perdo a esperanza.

comentarios