Opinión

Augas de San Xoán

De mañanciña o día 24 lavo a cara coa auga de San Xoán. Hai tantas formas de preparala –polo menos– como parroquias en Galicia. E de todas resultan a mañá seguinte as augas arrecendentes que escorrentan o mal de ollo e, segundo a tradición, curan a envexa. Das ducias de receitas para a auga de San Xoán aprendo que non hai unha soa forma de pensar que sexa a boa, que para o ano que se inicia podemos desbotar o pensamento único, dialogar, intentando aprender das demais persoas, e escorrentar dos discursos públicos as trincheiras e os xuízos de intencións. Asemade a envexa e o resentimento que son outro tipo de espíritos ruíns.

Eu prepároa con auga da fonte de Toba (por certo, en Toba dise aghua), e dúas flores que non poden faltar son o sabugueiro e a herba de San Xoán. Certo que teño unha teima co sabugueiro, unha arboriña ventureira que antes inzaba toda Galicia, incluíndo recunchos nas cidades, e agora vai en retroceso ante o cemento, as tuias, e as supostas “ornamentais”; podiamos imitar aos ingleses que teñen sabugueiros e outras ventureiras nos parques de Londres. En toda Europa atribúense ao sabugueiro propiedades máxicas e medicinais, non en van outro nome del é bieiteiro; a infusión das flores é o que beben as crianzas doentes nos contos de Andersen para curar a mormeira, e de madeira de sabugueiro está construída a vareta con máis poderes no mundo de Harry Potter. A herba de San Xoán é unha planta que ten principios medicinais e un nome grego, hipérico, que alude ao seu papel en poñer en fuga os malos espíritos. Ás veces, mesmo nun lugar como Santiago de Compostela, onde nunca temos lonxe un anaco de campo, as brañas do Sar ou as beiras do Sarela, non é doado apañar herba de San Xoán e sabugueiro que aínda teña flores. Outras herbas son fiúncho, estalotes, herba luísa, romeu e rosas, ventureiras de cinco pétalos se as hai, se non as da roseira da terraza.

Do que non teño intención ningunha é de afastar as bruxas. As bruxas son benvidas na nosa casa, bastante persecución sufriron na historia. Daquela, ao pendurar o ramo na porta, o que desexaría afastar é a quen non aceptan a democracia, por exemplo os resultados dunhas eleccións porque non as gañaron, a quen procuran vinganza e non diálogo, a quen refusan a bandeira arco da vella. O ramo dá a benvida a quen traballan pola memoria histórica, ás que cantan e danzan, a quen usan a palabra para facer este mundo un chisco mellor.

Comentarios