Opinión

Araceli Herrero Figueroa

Araceli Herrero, que nos foi arrebatada polo coronavirus era, entre outras cousas, activista comprometida co galego e con Galicia, investigadora rigorosa, feminista, escritora infatigábel, intelectual xenerosa e boa compañeira. Do último dou fe, pois compartimos departamento no de didácticas aplicadas da Universidade de Santiago de Compostela. É destacábel o seu apoio continuado á xente nova, ás investigadoras que estaban comezando, a súa xenerosidade ao colocar o nome delas en primeiro lugar nas publicacións e congresos, animándoas a protagonizar as presentacións. Isto debería ser frecuente, mais non sempre o é. Outra cualidade de Araceli, de Lilí, era acoller calorosamente as persoas que chegamos á universidade “desde fóra”, noutras palabras que fixemos parte do noso percorrido profesional, por exemplo, no ensino secundario, como foi o meu caso. Ao contrario doutros, Lilí nunca nos considerou “intrusas”, pois apreciaba a polinización cruzada entre perspectivas de distinta orixe. 

A súa relación con Ricardo Carvalho Calero, a quen dedicamos este ano o día das Letras Galegas, viña de moi atrás, ao ser unha das “nenas de Fingoi”, estudando naquel oasis de galeguismo, de ensino a favor da natureza, de inmersión na cultura galega que constituíu o Colexio Fingoi nos anos lúgubres do franquismo. Baixo a dirección de don Ricardo realizou a súa tese de doutoramento sobre a obra inédita de Luís Pimentel, incluíndo nela máis de cen pezas non publicadas anteriormente. Nestes trazos está implícito o seu carácter de luguesa, o seu amor pola cidade de Lugo, expresado tanto na súa vida como na escolla dos temas de investigación. Outro dos campos de estudo nos que sobranceou foi Emilia Pardo Bazán. Cómpre subliñar a lúcida análise dos seus contos, especialmente dos que denomina rurais-mariñeiros, e a imaxe positiva da muller galega neles, “lea-se a Pardo Bazán sen prexuízos” solicitaba Araceli en 1992. 

Na que foi talvez a súa última intervención pública, a participación na actividade da Real Academia Galega “Unha palabra para don Ricardo” na que 31 escritoras, escritores, intelectuais, debullaban cada día de maio unha palabra para o autor, ela escolleu “galeguista”, fermosa definición acaída para a mesma Lilí. Para ela non chega unha soa palabra, lembraremos o seu empeño en compartir coñecemento, pedra de toque das auténticas intelectuais. O seu sorriso, a súa bondade, o seu compañeirismo. 

Comentarios