Opinión

Algoritmos e burbullas

Escribe Antonio Machado: "Para dialogar / preguntad primero / después... escuchad". Escoitar outras persoas, ás veces mudar de posición se os seus argumentos resultan convincentes é parte da nosa natureza como seres sociais, propio de sociedades democráticas. Dialogamos con quen ten unha opinión diferente? Atendemos a informacións que poden contradicir o que pensamos? Os procesos polos que o público se informa, polos que chega a crer o que cre, crenzas que no contexto de "post-verdade" e fake news poden ser falsas, ignorando os datos e atendendo á propaganda, causan preocupación. Debo a unha longa conversa con dous sobriños menores de trinta anos, Alicia Collada e Álvaro Suárez, a constatación de que tamén parte da xente nova sente alarma pola fragmentación e os nesgos, polas dificultades para adoptar unha posición fundamentada. En particular porque, segundo eles –e as estatísticas–, mozas e mozos da súa idade non len xornais impresos, e poucos electrónicos, dependendo da información ou desinformación transmitida a través das redes sociais.

Cómpre unha aclaración: eu considero as redes sociais parte do noso ambiente, non unha ferramenta obra do Maligno ou dunha conspiración capitalista para dominarnos. Como outros elementos da vida teñen aspectos positivos; eu aprendo cada día en Twitter sobre mulleres pintoras ou escultoras até agora ignoradas, sobre a represión franquista –agosto con tantos aniversarios dos asasinatos no 36 é terríbel–, ou sobre novos libros. Sen dúbida hai tamén nas redes sociais moita xenreira, moito falabarato, ás veces odio. Todo depende do uso que lles deamos. Mais debido aos famosos algoritmos que colleitan os nosos datos, o comportamento dunhas redes sociais pode facilitarnos a interacción con quen pensa doutro modo ou, ao contrario, encerrarnos nunha burbulla cada vez máis estanca onde só encontramos a quen pensan o mesmo. O activista Eli Pariser deu a este mecanismo o nome de filtro burbulla, denunciando o isolamento ao que conducen. Neste sentido Instagram, a rede máis usada pola mocidade, favorece a burbulla ao situar en primeiro lugar as mensaxes ás que respondemos ou damos "gústame", encerrando cada unha, cada un, no seu casulo. Twitter é algo distinta, pois as mensaxes das contas que seguimos aparecen cronoloxicamente. Porén, ficar na burbulla ou escoitar e saír dela non é un destino inexorábel, depende de nós, do exercicio da nosa liberdade.

Comentarios