Opinión

O negocio especulativo da saúde

Érguense para ir ao  seu Centro de Saúde e parécelles que aí aínda dispoñen dun territorio onde os seus corpos poden liberarse das obrigas, investiduras e cartas de recomendación do FMI ou da Troika. Opinan que tan salvaxes non serán como para non @s deixaren ir en paz, malia teren a sospeita de estaren os seus corpos a seren transformados en meros detritos residuais. Porca miseria!

Érguense para ir ao  seu Centro de Saúde e parécelles que aí aínda dispoñen dun territorio onde os seus corpos poden liberarse das obrigas, investiduras e cartas de recomendación do FMI ou da Troika. Opinan que tan salvaxes non serán como para non @s deixaren ir en paz, malia teren a sospeita de estaren os seus corpos a seren transformados en meros detritos residuais. Porca miseria!

"Non confesarei as miñas doenzas cos novos bispos das mútuas. Non o farei. Pola honra d@s médic@s de cabeceira, d@s enfermeir@s  e de todo o persoal realmente entregado ao servizo da medicina pública". 

Alporizada, lánzome a respirar sen agardar o permiso das lexións da privatización sanitaria. Nin me comprometo solemnemente a non enfermar nin me axustarei a non vivir máis do que outr@s formulen como necesario. Porque sinto máis devoción por uns humildes grelos que  polas amasadas empresas do sector da demolición corporal, esas que suman por tetratrillóns os seus abafantes  beneficios. Como ían @s pacentes desautorizar grosas xustificacións de quen se adican a pleno rendemento ao negocio especulativo da saúde!

Son unha ninguén e non vou laiarme de corazón se, co meu pensar, tivese ofendido a eses grandes locutores, axentes do malvivir, que invisten en veleidades coma puños e non van consentir que sobrevivan quen fan simulacións de gripes ou graves doenzas crónicas para non ter que ir traballar; pois, é ben sabido que os únicos que saben disfrutar do traballo alleo son eles, promotores da demolición, da deterioración da vida pública ao servizo dos chamamentos transcendentais das corporacións privadas, dos magnates do mundo. 

Por suposto, así é. Porén non confesarei as miñas doenzas cos novos bispos das mútuas. Non o farei. Pola honra d@s médic@s de cabeceira, d@s enfermeir@s  e de todo o persoal realmente entregado ao servizo da medicina pública. Quen non compartan os ideais dun diagnóstico médico remoto, liberado da presenza física dos corpos e das mentes doridas que padecen, quen non acrediten na máxima neoliberal da obsolescencia médica programada, quen non compartan o seu exclusivo obxectivo de desmontar a práctica pública, preventiva e igualitaria da medicina, debemos impedir que sigan a baleirar de contido, de valor humanitario  e de sentido a arte da medicina e que se estean a esnaquizar tamén os dereitos laborais do persoal que nos atende.

"As doenzas do corpo non deberan usarse como depósitos de garantía destinados a avalar os fondos de alto risco  dos macroeconomistas da saúde". 

As doenzas do corpo non deberan usarse como depósitos de garantía destinados a avalar os fondos de alto risco  dos macroeconomistas da saúde. A privatización da medicina actualízase para pórse ao exclusivo servizo dos seus bucle-descendentes. Matan o coñecemento e só deixan que sobrevivan os parasitos.

Grandes xestores e xestoras dos manxares da desolación, do malestar e da dor, serán tamén os causantes  deste inmerecido noxo que nos invade? 

Porén, a saúde persoal, colectiva e mundial haina que restituír ao seu lugar natural, hai que esmerarse en restaurala por enriba de todos os estándares do que únicamente é  vulgar e ruín interese e impedir que a cobiza, e a falla de humanidade duns poucos, remate por esfarelar tamén o vello  xuramento hipocrático, principio ético- normativo que debera seguir regulando o desenvolvemento de calquera  práctica médica.

Comentarios