Opinión

Ergamos a bandeira

Ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

Neste verán, a proliferación das bandeiras españolas en moitos lugares foi total, a desculpa: o fútbol, os xogos olímpicos... Calquera cousa lles vale para xustificala. E vala vendo por todas partes, atópala no supermercado galego no que mercas, no pulso dos mozos, na máscara de xente que nunca se definiría como españolista... Mais, e isto é o que máis me preocupa, onde está a bandeira galega? A bandeira azul e branca que nos une, que nos diferencia e nos identifica como a nación que somos. 

Poderiamos pensar que isto é trivial, a pandemia da que non damos fuxido, o prezo da luz, os baixos salarios, o desemprego, a emigración da xente moza, as pensións máis baixas do Estado, hai tanto do que preocuparnos... Mais, e se moitas das nosas maiores preocupacións puidesen ter solucións xusto desde o reforzamento do máis simbólico? Se fronte á deriva recentralizadora o fortalecemento dos aspectos máis simbólicos da nación fose xusto o inicio da solución? E se os eixos básicos para a construción dun país forte que defende os seus intereses e non fai descanso nas reivindicacións e na loita fose consecuencia do orgullo de ser galegas e galegos? Da toma de conciencia do seu potencial e riqueza e da reafirmación?  

Os símbolos, neste caso do que hoxe falamos, a bandeira, defínennos como habitantes dun tempo e unha terra, e teñen un significado patriótico, son galega, son galego... Son alicerces dunha sociedade activa e crítica, que por medio da resistencia, contra a ocultación e a terxiversación, traballa para normalizar e garantir a presenza do que nos simboliza e define.

Este é o traballo de Vía Galega, asumir a nosa responsabilidade como galegos e galegas na construción dun país normal, a traballar nese camiño do verdadeiro heroísmo, capaz de transformar os desexos en realidade e as ideas en feitos. Se o obxectivo que nos move, construír un país onde caibamos todas, onde a cohesión social, a lingua, a educación e a cultura sexan os alicerces onde todas nos vexamos representadas, fagamos ouvir a nosa voz, máis tamén coa mesma forza fagamos visibles as cores que nos simbolizan para evitar sermos excluídas. 

Neste traballo de construción nacional, a bandeira ten unha carga simbólica e emocional moi forte, é a representación concreta da nación, reafirma a nosa identidade, o que somos, o que fomos e sobre todo o que queremos ser...

Cúmprese neste ano o centenario dun feito histórico, cando a bandeira galega ondea por vez primeira nunha institución pública. Foi o Concello da Coruña quen aprobou izar a bandeira galega o 25 de xullo de 1921, a proposta do concelleiro nacionalista Lois Peña Novo. Moito deixaron traballado aquelas e aqueles que nos precederon para dar a coñecer a nosa bandeira, para popularizala e visibilizala, xa sabían da importancia do compoñente simbólico para a construción do país. 

Non permitamos que o noso imaxinario colectivo esqueza ese emblema, xa con séculos de historia. Cómpre resistencia contra a asimilación, cómpre visibilizala orgullosas, nas fiestras, nos automóbiles, no pulso...

A nosa historia vén de lonxe e vai para lonxe. Dentro duns días cúmprense tamén 88 anos de que Galiza foi recoñecida como nación. Sería en setembro de 1933, cando a Sociedade de Nacións (o equivalente á actual ONU) no IX Congreso das Minorías Nacionais Europeas, recoñecía o feito nacional galego. Na declaración presentada ao congreso proclamábase que Galiza é unha nación ben definida, e reivindicaba o dereito innegable do pobo galego a dispor de si mesmo. Plácido Castro, membro da dirección do Partido Galeguista, foi o encargado de trasladar ao Congreso de Nacionalidades Europeas os desexos identitarios de Galiza.

E, se comezabamos con Cabanillas e o seu "En pé!", do poemario Da Terra asoballada (1917), con el terminamos, envoltos na bandeira e co berro: A Nosa Terra é Nosa. 

¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
"¡A nosa terra é nosa!"

Comentarios