Opinión

Contra a vida

Nas manifestacións do pasado 8-M escoitáronse moito berros a favor das mulleres palestinas e contra o xenocidio que está sufrindo o seu pobo. Esta guerra imperialista que practica o Estado de Israel foi cualificada pola relatora da ONU para a defensa dos dereitos humanos como unha "guerra contra as mulleres e as crianzas".  A eliminación de vidas humanas que o sionismo leva a cabo contra o pobo palestino é insoportable, e dentro dos sanguentos números, saber que 70% das asasinadas son crianzas e mulleres; 13.500 crianzas e 9.000 mulleres, fai que esta sexa unha masacre contra a vida mesma, planificada para acabar coas persoas que dan vida, que son símbolo de futuro e resistencia.

Sempre e en todo lugar as mulleres están moi afeitas a facerse fortes na resistencia. En Palestina, o feminismo –organizado ou espontáneo– sempre estivo presente contra as violencias patriarcais, que non son na sociedade palestina menores, mais a importancia que esta sociedade fai do colectivo, dos coidados, facíaas aos nosos ollos un exemplo de resiliencia. O movemento Tal’3at, entende o feminismo palestino como unha loita anticolonial e as súas mobilizacións fórono sempre contra as violencias coloniais e patriarcais reclamando unha Palestina libre de ocupación e de violencias machistas.

En calquera lugar do mundo, as mulleres sofren múltiples opresións e nas guerras o corpo da muller é sempre campo de batalla, mais aquí non son só as humillacións, as violacións que sofren as mulleres: é que elas soportan o maior número de mortes. E isto é así porque esta non é unha guerra, é un xenocidio, o que o fai máis insoportable para calquera persoa cun mínimo de decencia ou simplemente de humanidade. 

A resposta nosa fronte ao apartheid e a este crime contra a humanidade ten que ser alzar a voz, máis potente, máis ampla, para esixir o cese inmediato e permanente da guerra, porque Israel –mais tamén o mundo enteiro– ten que saber que non se gaña ningún dereito asasinando crianzas e mulleres.

Comentarios