Opinión

Entre a cobiza e a rapina

Hai meses que soubemos que unha empresa portuguesa quería instalar unha gran fábrica de fibras vexetais en Galiza. Ao lado da palabra industria comezamos sempre a ver "bio", "eco" e falábase de 1.500 empregos directos. Semellaba unha moi boa nova porque o certo é que precisamos industria e postos de traballo que fixen poboación no rural, pero a fábrica foi perdendo os adxectivos cualificativos ao tempo que diminuían os postos de traballo. E, aos poucos, fomos sabendo que en realidade o que quere instalar Altri nas comarcas da Ulloa e Melide é unha macrocelulosa máis grande que Ence. Unha industria de enclave que só serviría para empobrecer a contorna e expulsar outras empresas pequenas e explotacións agrarias. Vamos, que no canto de empresa que ía reciclar e reutilizar será empresa que contamine o territorio chegando as consecuencias negativas á ría de Arousa. As necesidades de materia prima de Altri son moi elevadas: vai consumir 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, unha parte dos cales, segundo a propia empresa, 30 millóns, volverán ao río  en forma de verteduras. Eles din exactamente que devolverán parte da auga "enriquecida" ao río Ulla. Enriquecida!

Xa sabemos que nada lle interesamos –nin Galiza nin as galegas e galegos– á empresa, mais é ben máis triste constatar que nada semella importarlle á Xunta, aínda que a instalación desta celulosa pon en perigo o propio Camiño de Santiago, hoxe por hoxe, un dos maiores fornecedores de emprego da comarca.

E por se isto fose pouco, sae o director de proxecto de Altri a dicirnos que unha parte do orzamento previsto será con cartos de todas nós: "Sen as axudas públicas o proxecto non sería viábel". Lémbrame cando o presidente Trump lle dicía a México: "Faremos o muro e pagarano vostedes". 

Só a presión do pobo será capaz de parar Altri: a forza de todas aquelas persoas que queiran un futuro agrogandeiro, turístico e industrial para as terras da Ulloa e Melide que respecte as xentes e o territorio.

Comentarios