Opinión

Por un 23-F con moito que festexar

Desde que a investigadora Sagrario Abelleira fixou o 23 de febreiro como data do nacemento de Rosalía , o 23-F adquiriu para todas nós outro significado simbólico como data para reivindicar e festexar. É a festa da nosa literatura, a festa da que deixou escrito: "Pobre Galicia, non debes/ chamarte nunca española...",  a dos escritos feministas hai máis de 150 anos, "Eu son libre, nada pode conter a marcha dos meus pensamentos...", a inauguradora da nosa literatura moderna. 

Os 365 días do ano son boa ocasión para mercar libros en galego, mais se alguén precisa un incentivo, debedes saber que este 23-F agasallaranvos na vosa libraría cunha pequena publicación con textos de Rosalía de Castro. Hai tantas lecturas na súa obra que cada aproximación pode ser unha nova descuberta para gozar da literatura, do carácter revolucionario da súa obra, da defensa das galegas e dos galegos alí onde estean.

Neste ano dedicado a Luísa Villalta cómpre poñer a nosa literatura no lugar que lle corresponde para pular polo papel principal para a creación literaria, para autorresponsabilizarnos e ser capaces de reverter esa tendencia negativa dos últimos 15 anos no que o número de libros publicados anualmente en galego se reduciu á metade. Cómpre facelo por orgullo e por propia estimación porque quen nos goberna non o fará. O PP non desenvolveu a Lei do Libro e da Lectura de 2006, aprobada por unanimidade no Parlamento. 

Saiamos nós, galegas e galegos, ao encontro da literatura galega. Sexamos conscientes do gran talento das escritoras, axudemos a construír cultura nacional e fronte á ocultación, á manipulación e á terxiversación, hoxe, e mais sempre, fagamos que Rosalía non sexa estranxeira na súa patria.

Aí queda o meu convite e o meu prego: escolle un poema, un texto ensaístico, un relato e mañá 23-F, Día de Rosalía, achégate a algún da moitos actos que ao longo do país se van realizar. Non hai mellor homenaxe a unha escritora que ler a súa obra.

Comentarios