Opinión

Soños que serán (e outras historias de 'amor')

Esta é a historia de como un día o Celta ía a xogar unha final de Copa, a cuarta, e quedou sen final, sen Copa e coa sensación de que perdeu por incomparecencia.

Pero esta tamén é a historia dun soño, da ilusión dunha afección, da loita e do fair play.

E como toda historia, aquí tamén hai unha intrahistoria, protagonizada por alcaldes con vocación de polemistas e esbirros madrileños co maligno plan de menospreciar a un país que se levantou unido contra a súa ignorancia e chulería.

O conto comeza e finaliza en Madrid, como a maioría das historias protagonizadas pola 'prensa' do 'movemento', que é como dicir a prensa que considera que se non es do Real Madrid, non podes estar contra el. Isto é así. Estos son os seus principios e se non che gustan, nin teñen outros nin pensan cambialos. Se Groucho Marx levantase a cabeza... Pois os seus principios chegaron a Vigo no medio dun temporal de vento e chuvia que levantaron ao señor alcalde como un resorte cando veu a posibilidade de minutos de gloria alí onde mirara. Por moita razón que tivera, que a tiña, ao final, os minutos de gloria converteron a Abel Caballero nun máis do circo mediático que tiveron en Vigo e Balaídos o símbolo dunha identitade e un páis irredutible fronte á hexemonía e paletismo dos medios de Madrid, máis preocupados sempre por polemizar que por axudar. De Coruña a Vigo pasando por Lugo non quedou rincón que non saíse en defensa dos nosos ventos e as nosas chuvias, o temporal é o noso e non van vir ninguén da 'capital' a dicirnos como xestionalo. Fin.

Aquí tamén hai unha intrahistoria, protagonizada por alcaldes con vocación de polemistas e esbirros madrileños co maligno plan de menospreciar a un país que se levantou unido contra a súa ignorancia e chulería

E nestas estabamos cando nos decatamos que o Celta tiña que xogar un partido chave fronte ao Alavés. Xogar, por dicir algo, porque o Celta, ti e máis sabémolo, xa estaba na final. E se xa estás na final para que xogar un partido tantas veces gañado antes de xogalo? Parvada. Tanto os xogadores como Berizzo esqueceron ese pequeno detalle de que si, había que xogar un partido e ademais, oh surprise, había que gañalo. En fronte había un equipo máis e mellor motivado, afastado do ollo do furacán mediático e tranquilos na súa cotidianidade de xogar partidos e gañalos.

O partido comezou e a realidade aplastante do fútbol entrou en escena, nin tal final había, nin copa, nin nada. E o Celta simplemente desapareceu, empequeneceuse, esqueceuse de xogar ao fútbol, da intensidade, da enerxía e da concentración que os levou a deixar fóra ao Real Madrid sen miramentos. Fixo o máis difícil e o Alavés, o máis fácil. Quizáis por iso, a relaxación extrema nunca lles deixou ver que alí, ao final do túnel, había outro, non un campo de margaritas. A final foi cada vez máis un abismo inalcanzable. O gol só confirmou as malas sensacións fronte a un equipo valente, loitador, que mereceu cada minuto de gloria, e que de seguro dará a batalla.

O partido comezou e a realidade aplastante do fútbol entrou en escena, nin tal final había, nin copa, nin nada

Nós, levantarémonos, recolleremos os pedazos e construíremos novos soños sempre con Europa no horizonte. E alí, coas bagoas aínda loitando por non saír, mirarémonos os uns aos outros sabendo que neste mundo do fútbol tolo non hai suficientes verbos para explicar canto merecemos e necesitamos un título e canto temos traballado por el. Esta afección volveu amosar en Vitoria que é única cando sabe e que non contan os kilómetros nin as horas de soño cando toca estar ao lado do equipo cando de nós precisa, nos bos e malos momentos.

Pero a esta historia de tristezas futbolísticas quedáballe un capitulo final, ubicado, por suposto, en Madrid. Ese reducto de xornalismo deportivo de calidade onde a televisión pública fai enquisas vergoñentas ridiculizando a Vigo e onde os xornalistas 'referencia' menosprecian a un equipo, unha cidade e unha afección. Un xornalismo que repudio por sucio, imparcial e cheo de rencor e chulería. O amor a un país fixo que a pesar da rivalidade as afeccións de Celta e Dépor desen unha lección de unión e coherencia fronte ao ridículo infantilismo de señores que un día foron xornalistas e pouco ou nada saben do que pasa alén do Padornelo.

En Vitoria quedou parte dun soño pero a esta historia quédanlle aínda moitos capítulos por escribir e os finais que están por se chegar buscan inherentemente un final feliz. Así será.

Comentarios