Opinión

O prezo de soñar

Din que soñar é gratis. É. Pero tantos soños ten o Celta acumulados na maleta da historia que ao final algúns poden quedar atrás.

Comezou a pretemporada sendo a tempada da ilusión e no primeiro partido de liga fronte a un rival inédito en Primeira a ilusión tornouse en decepción e frustración. Un tropezo. O sol. A falta de ritmo. Non sei, miles de elementos xuntáronse ese día en Balaídos porque o resultado foi nefasto, non tanto no marcador, senón no xogo. O inédito no partido foi o Celta, compareceu un equipo sen ideas, sen alma e no que as pezas eran seres autónomos sen encaixe posible.

Para máis inri a posibilidade de mellora chegaba en Madrid, no Bernabéu. Unha das derrotas 'esperables' de tempada. E o Celta voltou. Voltou a intensidade, a presión e o savoir faire. Voltou o toque e o fútbol de salón, o Celta xogou mellor que o Real Madrid e fixo respirar a unha afección un tanto nerviosa despois da imaxe fronte ao Leganés. Iso si, perdeu. Pero as sensacións foron moi boas. E todo voltou ser de cor.

Os puntos que non conseguimos non os podemos recuperar, pero a ilusión de voltar a Europa fainos encher de novo as maletas co soño de ver de novo o Celta abraiando a toda Europa co seu 'jogo bonito'

Todo ía perfectamente até o minuto 53 da segunda metade do pasado partido fronte ao Atletico. O Celta fixo unha boa primeira metade, mantendo as boas sensacións do partido fronte ao Real Madrid. O equipo funcionaba, faltaba arriba un pouco de sorte para atopar o gol pero víase un equipo cómodo no terreo de xogo e co partido controlado. O gol de Koke no minute 53 deixou o equipo noqueado. Voltou a peor versión. A falta de ideas, de control e de confianza. E voltaron as dúbidas. Foron catro goles porque o tempo non deu máis de si pero poderían ter sido máis, todos os que o Atlético quixera ante un rival totalmente vendido.

A paréntese europea

Tres xornadas de liga con tres imaxes diferentes dun equipo que nos tiña afeitos a inicios ilusionantes nos últimos anos. E tres xornadas que están chamadas a quedar no esquecemento. Si, eu tamén penso, metida na dinámida negativa, que visto o visto calquera equipo nos pode gañar. E si, eu tamén penso que os soños, ademais de ser gratis, son a ilusión que nos fai movernos cara adiante. Sen mirar atrás. Os puntos que non conseguimos non os podemos recuperar, pero a ilusión de voltar a Europa fainos encher de novo as maletas co soño de ver de novo o Celta abraiando a toda Europa co seu 'jogo bonito'. Non están nin Mostovoi, nin Karpin nin Revivo pero están rapaces da casa como Aspas, Mallo e Jonny. Hai dez anos soñaron con chegar ao primeiro equipo e o xoves poden voltar a escribir unha nova historia do Celta en Europa. A súa historia. A historia dos que estamos dispostos a non renunciar aos soños. O domingo que vén voltará a realidade da liga pero o xoves é o noso momento, o que tanto levamos agardando, o momento de pisar Europa con ilusión e dispostos a facer que os nosos soños medren. Sen límite. Deles e de nós depende que todos ese soños que levamos ás costas desde hai anos, se fagan realidade.  

Comentarios