Opinión

O mellor Celta

O fútbol é así, que dirían os libre pensadores do balón. O que marca máis goles gaña. Fin. Pero sempre quedan as intrahistorias, esas que redefinen vitorias e explican derrotas. E nesas, o Celta foi o que marcou a diferenza. Perder contra o Atlético de Madrid pode entrar nos 'planes' da tempada, perder como o fixo o Celta, é unha derrota a medias.

O que marcou o gol foi o Atletico, pero do fútbol, en xeral, ocupouse o Celta. É difícil porlle 'peros' ao partido do equipo, fixo case todo mellor co rival. Xogou con máis intensidade, máis compromiso, máis loita, máis concentración e mellor fútbol. O Atletico acabou o encontro sendo un equipo mediocre, roñón, sen intensidade e gris. Serviulle un gol para pecharse atrás coma quen pecha ás galiñas na previsible visita do raposo. Simeone puxo no terreo de xogo a todos os defensas que tiña no banco. A todos. Non lle quedou nin un só xogador de corte defensivo en reserva. E confirmou que o seu mal momento non se arranxa cos tres puntos que leva de Vigo. Moi probablemente esta derrota deixa máis cousas positivas na colectividade celeste que nos afeccionados madrileños.

O que marcou o gol foi o Atletico, pero do fútbol, en xeral, ocupouse o Celta.

 

Si, o Celta cometeu un erro. Só un, pero foi definitivo fronte a un ultra defensivo Atlético. A mala sorte e o despiste de Jonny significaron o gol de Gameiro á saída dun corner. E foi suficiente para os do 'Cholo'. A partir de aí o fútbol, ese que levanta paixóns e aplausos nas gradas, só saíu das botas dos xogadores celetes. Os Aspas e cía acorralaron o Atletico na súa área, dispararon a porta tantas veces como puideron pero, unhas veces (as máis) un gran Oblak e outras o pau, evitaron que o balón atravesase a liña da portería. O Celta amosou moi probablemente a súa mellor imaxe da tempada, adiante e atrás. Defensivamente o equipo estivo sempre moi atento, cortou os espallados intentos do Atlético na contra a axudou o equipo na búsqueda dese gol que nunca chegou. Na segunda metade o equipo subiu aínda máis de revolucións con Mor e Guidetti no campo, especialmente co turco que volveu deixar pingas interesantes da súa calidade, e está pedindo a berros máis minutos.

Mor volveu deixar pingas interesantes da súa calidade, e está pedindo a berros máis minutos

 

As conclusións do partido son positivas para o Celta, a pesar dos puntos perdidos. O equipo deu un paso adiante na imaxe erratica que viña amosando nos últimos encontros, mostrouse coma un conxunto ben cohesionado e organizado en ataque e en defensa. Da falta de efectividade tivo máis culpa o debuxo defensivo do Atlético e o bo partido de Oblak que un problema de falta de ocacións do Celta. Ese é o camiño a seguir, o proceso lóxico para a maduración da idea do Celta que quere Unzué.

Comentarios