Opinión

O fútbol que me gusta

O fútbol é un deporte tan marabilloso como irreal. 

O fútbol é un deporte tan marabilloso como irreal. É marabilloso porque consegue que a xente vibre cun equipo de fútbol do xeito que non vibra con outras moitas cousas. Consegue ser antídoto para 'malos rollos' e consegue que nos días de choiva, a choiva non molle. Consegue ser un paréntese de cor nas vidas grises da xente. É irreal porque a meirande parte do fútbol vive nunha realidade paralela á sociedade.

É irreal o Real Madrid. É irreal o Barça. É irreal o mundo millonario no que se moven. Ese fútbol non me gusta. É obsceno, inxusto e desproporcionado. O fútbol real móvese nunhas cifras menos ostentosas, é o fútbol 'low cost', o noso fútbol, o dos equipos máis modestos. É o fútbol que leva a ledicia aos 20.000 seareiros que cada semana se unen para berrar xuntos e para cabrearse xuntos. Xente que coñeces dende hai mil anos pero da que non sabes o seu nome porque nas bancadas esas cousas non se preguntan. Xente que probablemente ten unha vida totalmente diferente á túa, pero cando se entra no estadio todas as vidas son iguais. Non pretendas explicarlle ese sentimento a unha persoa allea ao fútbol porque non o entenderá. É inutil e ademais imposible. E tampouco pretendas explicarlle ese sentimento a un afeccionado 'merengue' ou 'culé'. Eu non me considero mellor nin peor que un afeccionado do Real Madrid, pero si me considero diferente.

Teño moito máis que compartir cun afeccionado do Deportivo que cun do Barcelona ou Real Madrid. Por que? Porque el/ela entende o que é sufrir e gozar co seu equipo

Teño moito máis que compartir cun afeccionado do Deportivo que cun do Barcelona ou Real Madrid. Por que? Porque el/ela entende o que é sufrir e gozar co seu equipo. El/ela entende o que é o fútbol en directo, entende o que é ir ao estadio ver á túa familia futboleira. Entende que nunca choveu que non escampara. Entende a importancia dun derbi en Primeira. Entende porque en Vigo unha das palabras máis utilizadas é Turquía. Entende porque os afeccionados do Celta somos tan riquiños. Entende porque aínda que non podemos estar xuntos, botámonos de menos cando estamos separados. Entende a ledicia das vitorias nos derbis. Por iso eu tamén entendo a decepción das derrotas nos derbis. O noso fútbol é marabilloso. E o máis marabilloso son os Celta-Depor e Depor-Celta. Son os goles de Charles. Son os goles de Larrivey. Son os vídeos de youtube de Djalminha e Mostovoi. Son as fotos de amigos do Celta e o Dépor compartindo xuntos. Son os 1.000 afeccionados do Celta cantando a Rianxeira en Riazor. Son as voltas cara a Vigo despois de gañar os tres puntos no partido do ano. Pero non son os rebenta festas, os miserables do fútbol que só ven no fútbol un xeito de desfogarse amargándolle a existencia ao veciño.

O noso fútbol é marabilloso. E o máis marabilloso son os Celta-Depor e Depor-Celta

O Celta gañou o derbi basicamente porque é xa un equipo maduro que sabe sacar proveito dos erros do rival. E gañou porque soubo ler mellor o partido. É gañou porque Sergio é un gran porteiro e Oriol Riera non tivo o seu día. Gañou por detalles e pola calidade de homes como Nolito, Orellana e Krohn Dehli. E gañou porque marcou máis goles.

O malo dos derbis é que só duran noventa minutos pero sempre queremos máis. Queremos máis e máis. Queremos desfrutar do fútbol galego e queremos desfrutar sempre en primeira división. Queremos ese fútbol da casa. O de verdade. O real. O galego.

Comentarios