Opinión

O comezo da liga definitiva para o Celta

Ao partido do Celta fronte ao Eibar sobráronlle 20 minutos para ser perfecto. Sobroulle o penalti final, o nerviosismo e o sufrimento, que non foi reflexo do que pasou no terreo de xogo nos 70 minutos precedentes.

O Celta xogou como quixo, cómodo, tendo o control do balón e xerando sempre ocasións de perigo que levaron ao equipo a liderar o partido. Os xogadores e o entrenador avisaron antes do encontro que o enfrontamento fronte ao Eibar debería ser o comezo da loita polo soño de xogar en Europa o ano próxino. Esta foi a primeira das 14 “finais” que lle restan ao equipo de aquí até o final de tempada para lograr o obxectivo.

O sábado comezou, como sinalou Berizzo, un novo episodio, unha nova liga de 14 xornadas. E así responderon os xogadores no campo, facendo un partido case perfecto, sen erros masivos que amosaron no terreo de xogo o camiño cara a un final de tempada ilusionante. A idea era, tal e como pedía Berizzo na rolda de prensa previa ao partido, volver a “xogar ben para despois gañar”. E así foi. A paciencia foi de novo a chave do equipo, tendo tranquilidade, tendo o balón e elexindo calmadamente a mellor opción para chegar aos últimos metros con perigo. O Eibar pouco puido facer e a vitoria, ademais dos 3 puntos e voltar á sexta praza, significa ademais gañarlle o goalverage, fundamental ao final da tempada.

Esta foi a primeira das 14 “finais” que lle restan ao equipo de aquí até o final de tempada para lograr o obxectivo europeo

A primeira semana 'tranquila' do equipo, sen copa polo medio e con todos os sentidos postos na competición ligueira rematou do mellor xeito posible, coa vitoria e, sobre todo, coa sensación de que o equipo recuperou a normalidade dentro do terreo de xogo. Volveu Nolito e con el xa estamos todos. Marcelo xogou os 90 minutos e voltou amosar o necesario do seu toque de balón no medio do campo para distribuir o xogo do equipo. El di que non está ao 100% aínda, que ten que mellorar e, polo visto no terreo de xogo, esa mellora será aínda máis positiva para o equipo, que necesita recuperar a fluidez no medio do campo para crear o resto do xogo do equipo. Fronte ao Getafe Berizzo recupera tamén a Orellana e despois de dous meses o equipo estará listo e completo para afrontar os noventas minutos. E comezarán o 'benditos' problemas para o entrenador á hora de facer a alineación dado o gran momento de Guidetti que, en ningún caso merece ser mandado ao banquillo. Probablemente Nolito non estea aínda para os 90 minutos e iso dálle a Berizzo a posibilidade de postpoñer unha semana máis a búsqueda dunha solución para configurar o mellor Celta. O que leve a ilusión e a esperanza até as portas de Europa.

Comentarios