Opinión

O Celta, the real king

Arriba, abaixo, de lado, de pé, sentado, sufrindo, pernas cruzadas, pernas sen cruzar, brazos levantados, brazos cruzados, sufrindo, mordendo as uñas...


Arriba, abaixo, de lado, de pé, sentado, sufrindo, pernas cruzadas, pernas sen cruzar, brazos levantados, brazos cruzados, sufrindo, mordendo as uñas, berrando, en silencio absoluto, mirando, sen mirar, desesperándose, gozando, sufrindo, sufrindo moito e, finalmente, estoupando de ledicia. Un só derbi como o vivido o pasado martes en Balaídos é suficiente para entender o fútbol de verdade, o que non ten aditivos nin edulcorantes. O que se che mete polo corpo sen anestesia previa e que che fai pasar en 90 minutos da euforia á angustia, para despois voltar ao éxtase máis absoluto. En definitiva, unha montaña rusa de emocións que só se viven nun derbi.

 O fácil é ser dos que gañan sempre. O difícil é ser dos que sufren casi sempre. O difícil é, en celeste ou branquiazul, ser afeccionado do noso

Sete anos sen gañar un Celta-Dépor son moitos anos. Ben é certo que, durante ese tempo, o Celta viviu o seu particular calvario transitando polos baixos fondos da segunda división e coqueteando coa segunda división B. Por moito que nos pese aos celtsitas. neses anos, o título de '”dono” do fútbol galego ostentábao o Deportivo. Pero todo chega ao seu fin. O martes volveu o real king a tomar posesión do seu trono, volveu o subidón a Balaídos, volveu a adrenalina do fútbol, a tensión, a rabia, a tolemia... Volveu a ledicia épica cun penalti parado in extremis polo inmenso 'Gato de Catoira', cando só quedaba un minuto para rematar o tempo regulamentario. A un derbi pídeselle básicamente iso, intensidade, emoción, 'rasmia' e un pouquiño de sufrimento porque os que somos afeccionados ao Celta ou ao Dépor levamos iso do sufrimento no ADN futbolístico desde cativos. O fácil é ser dos que gañan sempre. O difícil é ser dos que sufren casi sempre. O difícil é, en celeste ou branquiazul, ser afeccionado do noso, sen paliativos.

Comentarios